Os actos empezarán o venres 29 ás 19:00 horas cun pasarrúas da Fanfarria Furruxa, que tamén actuará no Claustro do Mosteiro ás 21:00 horas. Ese día haberá ademais unha cata comentada de viño a cargo da adega Tapias Mariñán, da Denominación de Orixe Monterrei. E a partir das 22:30 horas no Campo dos Bolos, xunto ao mosteiro, terá lugar o Faba Fest, no que actuarán o Grupo Beatriz con seu espectáculo The pink tour, ademais dos DJ Pedro Bermudz e Litainer.
O sábado 30 ás 11:00 horas abriranse as casetas dos fabeiros e o stand institucional do Concello de Moeche, na Praza do Conde Santo. Tamén haberá demostracións e exposición de artesáns en varias prazas e rúas da vila, feira exposición de automoción e vehículos agrícolas na Praza Linares Rivas e no Campo dos Bolos, e a novena edición da Vespafaba & Clásicos, concentración de scooters e motos clásicos na rúa Fernández del Riego. Á mesma hora a Banda de Música de Lourenzá ofrecerá un pasarrúas e ás doce do mediodía na praza do Conde Santo terá lugar a lectura do pregón que deu Francisco Fernández del Riego en 1998, a cargo de Xulio Leal, actor do grupo Avelaíña Teatro, de Pontevedra. No mesmo lugar ás 12:30 horas haberá un showcooking do cociñeiro Álex Iglesias, do programa da TVG Tupper Club. Ás 13:30 horas as actividades trasládanse ao Campo dos Bolos, onde terá lugar unha sesión vermú coa orquestra Principal e degustación popular da Faba de Lourenzá e viños da adega Tapias Mariñán, de Monterrei.
Pola tarde a partir das 16:30 celebrarase a XIII carreira popular Val das Fabas e ás 19:00 horas no claustro do mosteiro actuará o grupo Sons de Celeiro. E a partir das 22:30 no Campo dos Bolos haberá verbena coa orquestra Principal e concerto do cantante laurentino Jonydasvie.
E o domingo 1 de outubro ás 8:30 horas abrirase no mercado comarcal o mercado de faba ao por maior e ás 10:00 horas as casetas dos fabeiros na praza do Conde Santo. A partir das 11:00 horas terá lugar a concentración de coches clásicos da IX Vespafaba & Clásicos na rúa Fernández del Riego e pasarrúas da charanga Louband. Ás doce do mediodía o dúo Bellón Maceiras actuará no claustro do mosteiro e ás 12:30 horas na praza do Conde Santo haberá un showcooking a cargo do cociñeiro Álex Iglesias, do programa da TVG Tupper Club. Ás 13:00 horas volverá o pasarrúas da charanga Louband e media hora despois no Campo dos Bolos terá lugar unha sesión vermú co trío Kalima e degustación popular da faba de Lourenzá e de viños da adepta Tapias Mariñán. As actividades rematarán ás 18:30 horas no claustro do mosteiro cun festival folclórico no que actuarán a asociación cultural Osorio Gutiérrez e Cantigas e Agarimos.
Durante os tres días do evento os bares da vila servirán tapas elaboradas con fabas de Lourenzá e nas xornadas do sábado e o domingo un tren turístico levará a veciños e visitantes a percorrer a Ruta das Fabas.