No documento, enviado esta mañá, achégase un primeiro anexo coas conclusións sobre a situación actual da especie e a última actualización do censo na Comunidade e outro no que se detalla a evolución dos avisos por ataques, dos danos por tipo de animal e das axudas existentes para evitar ou minimizar os seus efectos
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023. A Xunta remitiu hoxe á Comisión Europea un completo informe sobre a situación actual do lobo en Galicia e os impactos que se derivan da súa presenza en gran parte do territorio da Comunidade.
O Goberno autonómico responde deste xeito ao proceso de consultas aberto pola presidenta do organismo comunitario, Úrsula von der Leyen, co fin de obter información directa e actualizada das poboacións desta especie non só a nivel nacional senón tamén rexional, tal e como reclamara a Xunta con anterioridade no marco das xestións realizadas ante as instancias europeas tras a decisión unilateral do Executivo estatal de elevar o nivel de protección do lobo en todo o país.
O documento, de máis de 40 páxinas e asinado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, divídese en dous anexos. No primeiro deles, trasládase a información recompilada pola Xunta sobre o estado global de conservación do lobo en Galicia durante o período 2013-2018 e que xa fora remitida ao Goberno central en 2019 para a elaboración do informe sexenal solicitado pola UE a todos os estados membros, uns datos que, finalmente, o Ministerio non chegou a incluír no seu informe.
Ademais, o documento da Xunta tamén se completa coas conclusións da última actualización do censo da especie na Comunidade, encargado polo Goberno galego e cuxos traballos se desenvolveron entre 2021 e 2022, estimando en 93 as mandas reprodutoras presentes en Galicia (algunha delas compartida con outros territorios).
Desde xeito, tal e como se subliña no informe autonómico, o novo censo confirma e ratifica a principal conclusión da análise realizada de cara ao referido informe sexenal, é dicir, que o estado de conservación do lobo na Comunidade é favorable e todo apunta a que presenta unha estrutura poboacional normal, autosostible e viable a longo prazo.
Nesta liña, ademais, tamén se apunta a unha distribución territorial da especie similar á detectada no censo correspondente ao período 2013-2015 e unha cifra de mandas similar e mesmo superior —93 fronte ás 90 estimadas no estudo anterior— aplicando a mesma metodoloxía para a realización de ambas análises.
Por outra banda e con relación ao segundo dos anexos, a Xunta céntrase neste apartado no impacto do lobo na Comunidade así como nas medidas adoptadas desde Galicia co fin de evitar ou cando menos minimizar os conflitos derivados da súa convivencia e coexistencia no mesmo territorio co gando.
Neste sentido, o informe achega datos detallados correspondentes ao período 2010-2022 que permiten ver a evolución ascendente dos avisos ao 012 por ataques atribuíbles a estes animais, dos danos por tipo de cabana gandeira afectada e dos comportamentos e diferencias en función de cada unha das provincias.
Así e sendo con diferencia as ovellas os animais máis afectados polo lobo, cómpre subliñar tamén o caso de Lugo, que concentra gran parte do gando equino da Comunidade e onde chama a atención que case o 21% dos exemplares danados no período de referencia foron cabalos.
Por último, o informe da Xunta inclúe unha completa relación das axudas convocadas con carácter anual no período 2016-2023 para evitar ou minimizar os efectos dos ataques do lobo sobre o sector agrogandeiro e a poboación residente no rural, por un importe total de 8 millóns de euros.
En concreto, foron 4,21 millóns de euros mobilizados a través das ordes de subvención anuais destinadas a adquirir ou financiar diferentes métodos de prevención e outros 3,78 millóns de euros destinados a compensar os danos sufridos polo sector primario.
Reunión coas entidades de razas autóctonas
Por outra banda, cómpre sinalar que esta semana a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse con representantes das asociacións galegas de razas autóctonas para informalos do proceso de consulta iniciado polos órganos comunitarios e explicarlles que a Xunta aproveitaría esta oportunidade para poñer en coñecemento da UE, unha vez máis, a realidade actual das poboacións de lobo existentes en Galicia.
Tras escoitar a súa inquedanza polos efectos que ten este animal sobre os intereses dos seus asociados, do Campo incidiu na importancia de que as autoridades comunitarias amosen o seu interese e receptividade por coñecer, de primeira man, cal é a situación real en cada territorio.
Así mesmo, tamén aproveitaron a xuntanza para falar das subvencións que pon a Xunta á disposición do sector gandeiro para facer fronte ao problema e aos efectos do lobo sobre este tipo de explotacións e analizar xunto con eles o impacto positivo destas axudas así como posibles suxestións ou melloras de cara á convocatorias futuras.