Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta clausura o obradoiro ‘O Castro’, que mellorou espazos públicos de cinco concellos cun investimento de 511.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na clausura desta actividade, que formou a 20 persoas desempregadas de Ribeira de Piquín, Castroverde, Pol, A Pastoriza e Riotorto en labores de xardinería e albanelería

Ribeira de Piquín, 21 de setembro de 2023. A Xunta de Galicia clausurou hoxe o obradoiro de emprego O Castro VIII, financiado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade con 511.000 euros e promovido polo Concello de Ribeira de Piquín asociado cos de Castroverde, Pol, A Pastoriza e Riotorto.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no peche do taller, que formou a 20 persoas desempregadas durante doce meses. Doce dos alumnos traballadores participaron no módulo de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; e oito na especialidade de Acabados ríxidos e urbanización.

Ademais, o orzamento que destina a Xunta a esta iniciativa inclúe incentivos para contratar a cinco dos participantes en empresas da contorna para desenvolver funcións propias das modalidades impartidas.

Arias afirmou que o modelo formativo dos obradoiros “outorga coñecementos e experiencia aos participantes en sectores con boa saída laboral”, por iso “a Xunta segue apostando por eles e proximamente resolveremos unha nova convocatoria”.

En canto ao taller que remata, entre as obras realizadas polo módulo de xardinería destaca o mantemento de rutas de sendeirismo, áreas recreativas e camiños de Ribeira de Piquín, A Pastoriza e Riotorto. Pola súa banda, a especialidade de albanelería traballou en espazos públicos de Castroverde e Pol.

Exit mobile version