A iniciativa incluíu incentivos económicos para estender a contratación de 17 participantes en empresas da zona
O Vicedo, 19 de setembro de 2023. A Xunta de Galicia clausurou hoxe o obradoiro de emprego Terras do Sor VI, que durante o último ano ofreceu formación a 20 traballadores desempregados nos concellos de Muras, O Vicedo e Ourol grazas a un investimento de 529.500 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. No acto participaron a xefa territorial da Consellería en Lugo, Pilar Fernández, e o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, entre outros.
Os obradoiros de emprego son unha vía de reciclaxe profesional completa cara a profesións con boas perspectivas de empregabilidade, adquirindo coñecementos teóricos e habilidades prácticas que capacitan aos participantes para o ingreso inmediato no mercado laboral.
Neste sentido, os obradoiros duais contemplan incentivos á contratación en empresas locais para facilitar esa transición, dos que neste caso poderán beneficiarse 17 alumnos e alumnas.
O obradoiro contou co sete inscritos na modalidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións, que traballaron nunha residencia de maiores de Viveiro. Os outros 13 aprenderon Traballos de carpintaría e moble e realizaron abundante mobiliario urbano -como marquesiñas e papeleiras- e outros elementos para edificios e espazos públicos, como mesas, taboleiros, bancos ou cadeiras.
Ademais, en Ourol construíron 100 metros de valado para o paseo da Rega; no Vicedo unha escaleira para o acceso ao centro social de Vilar en San Román e unha caseta; e en Muras fabricaron unha porta corredoira para o edificio da aula da natureza da praza de Vilalba ou 20 contraventás para a Casas do Médico, e aplicaron tratamento contra xilófagos e fungos no primeiro andar da antiga Escola da Balsa.