Na presente anualidade, xa pechada, ofertou axudas de ata 221.000 euros para aquelas que non contan aínda co selo de Mercado Excelente
Lugo, 28 de setembro de 2023. A Xunta de Galicia convoca un programa específico de axudas para o impulso dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos, aberta a todos os concellos galegos, á que non optou o Concello de Viveiro.
Neste sentido, a Xunta aclara que as solicitudes de achegas para a praza de abastos ás que se refire o Concello de Viveiro non corresponden a este programa, senón á convocatoria do Instituto de Estudos do Territorio para a eliminación de impactos paisaxísticos e, tal e como recoñece a alcaldesa, foron denegadas por esgotamento de crédito, xa que se concedían por orde de entrada a todos os que cumprían os requisitos.
O Concello de Viveiro podería ter optado ás achegas para a mellora das instalacións, dos servizos para a clientela, o equipamento comercial e a eficiencia enerxética das prazas de abastos que se convocou o pasado mes de abril. Na presente anualidade, xa pechada, as axudas podían ser de ata 221.000 euros para os mercados que non contan aínda co selo de Mercado Excelente, e 181.000 euros no caso de mercados que xa o teñen, con apoios de ata o 80% do investimento subvencionable, dependendo do tipo de actuación a desenvolver.
Nos mercados que, como o de Viveiro, non contan aínda con ese distintivo, debe iniciarse o procedemento para obtelo, e unha das actuacións subvencionables que necesariamente debe solicitar o concello é encargar a elaboración da diagnose de situación e usos do mercado por unha empresa de consultoría especializada.
As asociacións de prazas de abastos e mercados e as federacións tamén poden solicitar axudas, de ata 11.200 euros e 38.400 euros respectivamente, para accións de dinamización comercial, loxística e-commerce, ou o equipamento persoal dos praceiros coa imaxe común e corporativa do mercado e o equipamento dos posto, entre outras.