Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación destaca a raíz gandeira e popular das San Lucas, que se celebrarán do 17 ao 22 de outubro

Lugo, 22 de setembro de 2023. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu esta mañá a presentación da 867 edición das San Lucas de Mondoñedo, que contan unha edición máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo cunha achega de 20.000 euros.

No acto interviron a deputada de Cultura Iria Castro, o deputado de Medio Rural Daniel García, o presidente de As San Lucas, Miguel Paz, e o concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García, e contou coa presenza de representantes da corporación municipal e da Xunta de Galicia.

Iria Castro salientou “a raíz gandeira e popular das San Lucas, que se ven celebrando desde 1156 e que recolle o pouso cultural e social de séculos de relaciónco cabalo e co medio natural” e fixo fincapé na “espectacularidade coa que esa tradición se reflexa na tradicional baixada cos cabalos, que abre as festas”.

A responsábel provincial valorou “o traballo da organización” e reafirmou ““o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para colaborar co tecido asociativo e cos concellos en citas coma estas que poñen en valor a tradición ligada ao rural e á gandería”.

A baixada dos cabalos a Mondoñedo na véspera das San Lucas abrirá o programa da Feira, que se extende o 17 ao 22 de outubro. 500 animais de gandeirías mindonienses baixarán dos montes próximos ata a cidade, pasando polo barrio dos Muiños, a rúa San Roque, a Fonte Vella e a Praza da Catedral (luns 17, 18.45 horas) para rematar no Campo da Feira, onde, ao día seguinte, se celebrará a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar.

Arredor do cabalo, desenvolverase unha ampla axenda, coa entrega dos premios as gandeirías participantes na baixada e na feira (martes 18, 13.30 horas), a segunda edicíon do Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, coa colaboración de Puraga, no recinto da granxa (martes 18, 16.30 horas), o espectáculo de doma nocturna, con especialistas en doma internacionais (xoves 19 e venres 20, 21.00 horas) e certames morfolóxicos, exhibicións de doma e certames de andadura ao longo das xornadas do sábado 21 e o domingo 22. Miguel Paz, presidente da organización, destacou que “o obxectivo é que todas as persoas amantes dos cabalos poidan disfrutar dunha ou outra maneira das San Lucas”.

Na presentación deuse conta tamén do programa musical cun concerto de Xosé Manuel Budiño (sábado 22, 22.00 horas) e verbenas durante todos os días das festas.

Exit mobile version