A ruta contará con dous percorridos -un longo, de 47 quilómetros, e un curto, de 26- e transcorrerá por lugares de alto valor paisaxístico da Montaña lucense, entre os que destaca o Alto do Muradal, punto máis alto do itinerario con 1.150 metros
Durante a presentación da cita, Pablo Rivera Capón destacou que a Deputación colabora dende os seus inicios coa promoción e a difusión desta proba cicloturista “que aúna deporte e turismo pois “concorda perfectamente coa aposta que estamos facendo dende a institución para a promoción do territorio, xa que é unha maneira magnífica de dar visibilidade aos nosos recursos e á nosa oferta turística a través dun modelo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente”.
O Deputado felicitou ao Alcalde fonsagradino, ao seu equipo de Goberno e aos organizadores “por deseñar un evento deportivo, duro polas súas características técnicas, pero que contén un enorme valor paisaxístico polos fermosos lugares da Montaña lucense polo que transcorre a ruta”.
“Estamos a falar, polo tanto, dunha cita que vai máis aló do aspecto deportivo, pois ten un efecto multiplicador e transversal, xa que A Fonsagrada colga o cartel de completo durante esta fin de semana dinamizando a economía e o turismo no concello e no resto da comarca”, subliñou Pablo Rivera.
O Vicepresidente e Deputado de Deportes, Efrén Castro, deu os parabéns aos organizadores, voluntarios e patrocinadores por facer posible esta proba, da que destacou a boa percepción que deixa nos participantes. Puxo en valor a capacidade da iniciativa para combinar o deportivo coa promoción turística e do territorio e, como afeccionado á bicicleta, valorou positivamente “uns avituallamentos singulares, que teñen en conta o que necesitan os deportistas e o mellor da gastronomía local”.
Os atractivos da ruta
A novena edición da Ruta dos Lobos terá como en edicións anteriores un percorrido circular, con saída e meta, ás 11:00 horas, na Praza do Concello. A ruta contará con dous percorridos segundo o nivel de dificultade. Un longo, de 47 quilómetros, cun desnivel de máis de 1.700 metros positivos, e un curto, de 26 quilómetros e un desnivel de 800 metros positivos, ambos con puntos de avituallamento que volverán a ofrecer produtos como o butelo ou as chulas, emblemas gastronómicos da zona que son un dos grandes factores diferenciais que máis valoran os participantes con respecto a outros eventos deportivos destas características.
Os dous itinerarios transcorrerán polas ribeiras do río Porteliño e o Lamas, e pasarán por lugares de alto valor paisaxístico da Montaña lucense, entre os que destaca o Alto do Muradal, punto máis alto da ruta con 1.150 metros de altitude. Así mesmo, os participantes coñecerán, entre outros, lugares como a antiga fortaleza medieval de Burón ou o vello Hospital de peregrinos de Montouto.
A organización habilitará lavado de bicicletas no Campo da Feira, zonas de duchas e ofrecerá unha cea ás persoas que o desexen para degustar un menú típico da Fonsagrada.