Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña acollerá tres funcións do programa de artes escénicas Camiño Escena Norte

Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo e Vimianzo súmanse este ano ás localidades de Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela e Viveiro como sedes do circuíto de funcións ‘Itinerario Constelacións’

Santiago de Compostela, 6 de setembro 2023. Máis escenarios, máis funcións, máis actividades e máis colaboracións. Camiño Escena Norte (CEN) celebra a súa quinta edición incrementando o intercambio de compañías, profesionais e públicos en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. O lema Vieiros que conflúen describe unha programación oficial que se celebrará do 17 de setembro o 22 de outubro, con 15 compañías de teatro, danza e artes do movimiento e novo circo, amosando os seus espectáculos en perto de 60 sedes que forman parte do Itinerario Constelacións.

A quinta edición do Camiño Escena Norte conta con importantes novidades, como a incorporación definitiva ao proxecto da Comunidade Foral de Navarra; un aumento sustancial da programación en todos os territorios, ao pasar de 38 a 57 sedes (no caso galego, pasa de 7 a 11 localidades); a estrea de Vieiros, unha rede de colaboración con proxectos locais, que en Galicia será o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT); e un programa de conversas e mesas redondas coorganizado e financiado pola asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

Itinerario Constelacións

Os 15 espectáculos da quinta edición, tres por territorio, conforman o Itinerario Constelacións, o programa de exhibición artística de corte xeralista na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos; producións de teatro, danza e artes do movemento e novo circo tanto para público infantil coma para o adulto. Esta programación ofrecerase en 57 sedes entre Santiago de Compostela e Sangüesa, en escenarios históricos e espazos singulares de Lugo, Xixón, Santander, Bilbao, Vitoria-Gasteiz ou Tafalla, entre outras vilas do norte peninsular.

En Galicia, as funcións do Itinerario Constelacións chegarán a un total de 11 localidades, catro máis que no 2022. Así, CEN visitará Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Santiago de Compostela (que acollerá a apertura e clausura da programación), Vimianzo e Viveiro.

Á hora de participar no circuíto de funcións, Galicia seleccionou as compañías Caramuxo Teatro co seu espectáculo Crisálida; Rebordelos con Amantis, e Xampatito Pato con Só, do que se puido ver un fragmento esta mañá na presentación do CEN na Praza do Obradoiro. Pola súa banda, Asturias intervirá no intercambio cultural de CEN con Saltantes Teatro que presentará Misery; Luz de Gas con Luna, e Proyecto Piloto, que representará La bestia negra. A participación de Cantabria chegará da man de Ábrego Teatro con Lear en las catedrales; Malabaracirco Producciones Artísticas con Circus magníficus, e Mari Paula Dance & Performance que presenta Fronterizas. Euskadi escolleu os traballos de Aboon Teatre, que participará con Baby esferic; Cía. Eva Guerrero con Gorpuztu, e Tanttaka Teatroa, que ofrecerá Sexpiertos. Finalmente, Navarra consolida a súa presenza en Camiño Escena Norte con outras tres propostas artísticas da man de Inextremis con El rey tuerto; Led Silhouette con Los perros, e Levelibular co seu Portamundos.

Camiño Expandido

O Itinerario Constelacións convive co programa Camiño Expandido, que abrangue toda a actividade fóra do circuíto de funcións. O crecemento desta quinta edición do CEN reflíctese, tamén, nas actividades desta programación, ao reforzar os proxectos Cruzamentos e Habitación Peregrina PRO, afianzar a programación pedagóxica ESADS en camiño; e celebrar máis de 30 obradoiros, coloquios e encontros co público. O Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, a iniciativa Mirando as constelacións e a nova liña Vieiros completarán a oferta paralela deste ano.

Cruzamentos é un dos piares de Camiño Escena Norte. Nesta rede de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional participan artistas de Galicia, Cantabria, Euskadi e, por primeira vez, Navarra. A terceira edición de Cruzamentos comezou o 4 setembro e finalizará o 30 de novembro. As artistas e compañías seleccionadas, no caso galego, son Marta Alonso Tejada (que abordará coa vasca La Sala os proxectos Shine + Dancin’ Queen) e Paula Quintas Cía. (quen traballará tamén coa vasca Node sobre Me arrepiento). Ademais, Os Náufragos Teatro achegará a súa mirada sobre a instalación-espectáculo inmersivo Meeting Baby da cántabra Escena Miriñaque.

Habitación Peregrina PRO é un espazo de convivencia profesional onde as compañías entran en contacto, coñecen as súas liñas de traballo e propostas estéticas, afondan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional. O encontro terá lugar no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo entre o 19 e o 21 de setembro.

Nesta quinta edición estréase Vieiros, iniciativa que une CEN cun proxecto cultural de cada comunidade co obxectivo de dar forza e contexto ao CEN e, á vez, visualizar e proxectar fóra de cada comunidade as distintas programacións locais. Este 2023 traballarase co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT (Galicia); Danza Xixón (Asturias), Mujeres y Cultura (Cantabria); Bideart Zigoitia (Euskadi), e Ribera en Danza (Navarra).

Camiño Escena Norte 2023 contará con 36 accións de acompañamento coas compañías participantes, 11 delas (obradoiros e encontros co público arredor dos espectáculos Crisálida, Amantis e Luna) en colaboración coa asociación Te Veo e, por primera vez, ofrecerá dúas citas específicas para o alumnado de dous centros de ensinanza secundaria en Navia (Asturias) e Tafalla (Navarra). Ademais, CEN volverá incluír no seu programa a proposta ESADS en camiño, un proxecto de colaboración e intercambio educativo e profesional que pon en contacto ao alumnado das escolas superiores ESAD de Galicia e Asturias e a ESADD de Euskadi (Dantzerti) coas compañías do Itinerario Constelacións.

Outra das novidades é o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha selección de 30 producións realizada polas comisións profesionais de CEN que levarán o selo Espectáculo Recomendado Camino Escena Norte. Esta marca de calidade servirá de promoción e apoio á distribución dos mesmos fóra do ámbito do proxecto. O catálogo, editado en formato dixital, enviouse a un total de 400 profesionais da programación das comunidades que participan no CEN e do resto do Estado.

Finalmente, tamén nacerá a proposta Mirando as constelacións, un mapeo das sedes nas que haberá actividades de CEN para centrar a atención na importancia destes espazos, escénicos ou non, como lugares de encontro, socialización e intrahistoria das localidades, alén do seu valor patrimonial ou arquitectónico. Esta iniciativa pon o foco, especialmente, nos teatros das vilas.

A imaxe da quinta edición

A imaxe oficial do CEN sempre parte dunha fotografía dun dos espectáculos do Itinerario Constelacións. Este ano a obra elixida é Gorpuztu, da Cía. de Eva Guerrero, autora tamén da fotografía orixinal. Cinco cintas envolven a imaxe central da composición, a bailarina e coreógrafa Garazi López de Armentia, na que conflúen os cinco territorios dos proxectos, as edición edicións realizadas do CEN e as entidades que unen as súas forzas neste proxecto.

Organización e apoios

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra), que se incorpora este ano. Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto, que toma a ruta histórica dos Camiños de Santiago como referencia para ofrecer unha intensa programación escénica.

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra e Goberno de España a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música (INAEM) e o Ministerio de Cultura e Deporte. Colaboran tamén a Deputación Provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial do CEN, que conta nesta edición coa colaboración especial da marca lucense Cafés Candelas e da asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

Programación CEN Galicia 2023

17.09 | Santiago de Compostela: Gorpuztu, de Cía. Eva Guerrero (Euskadi).
19.09 – 21.09 | Lugo: Habitación Peregrina Pro.
24.09 | Arzúa: Luna, de Luz de Gas Teatro (Asturias).
24.09 | Mondoñedo: Portamundos, de Cía. Levelibular (Navarra).
30.09 | Melide: Lear en las catedrales, de Ábrego Teatro (Cantabria).
01.10 | Ribadeo: Lear en las catedrales, de Ábrego Teatro (Cantabria).
06.10 | Ames: Baby Esferic, de Aboon Teatro (Euskadi).
13.10 | Viveiro: Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi).
14.10 | Carballo (FIOT): Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi).
14.10 | Vimianzo: Misery, de Saltantes Teatro (Asturias).
15.10 | Portomarín: Malabaracirco, de Circus Magníficus (Cantabria).
20.10 | Lugo: La bestia negra, de Proyecto Piloto (Asturias).
22.10 | Santiago de Compostela: Fronterizas, de Mari Paula Dance & Performance (Cantabria).

Exit mobile version