Lourenzá, 29 de setembro de 2023. A Festa da Faba de Lourenzá foi a protagonista do programa Voces de Lugo e A Mariña, que RadioVoz emitiu este venres, 29 de setembro, para toda a provincia deste esta vila mariñá.
Polo estudio móbil, instalado na praza do Conde Santo, pasaron o concelleiro de Cultura, Manuel Arango; o presidente da Cooperativa Terras da Mariña, José Cuadrado; Xulio Leal, actor do grupo Avelaíña Teatro, de Pontevedra, que lerá o pregón que deu Francisco Fernández del Riego en 1998; Francisco Rivas, portavoz da VII Concentración Vespa Faba e Clásicos de Lourenzá; e a alcaldesa laurentina, Rocío López.
Con Félix Jorquera, director do programa, repasaron o amplo abano de actividades das que disfrutarán a veciñanza e todas aquelas persoas que se acheguen a Vilanova desde hoxe e ata o vindeiro domingo, 1 de outubro, á XXXI Festa da Faba, festa de interese turístico galego. Desde o Concello convidan a achegarse a gozar da programación e a saborear e a mercar as exquisitas fabas laurentinas.