Asistiron á inauguración a alcaldesa, María Loureiro; a tenente de alcaldesa, Miriam Bermúdez; Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, e outros concelleiros e concelleiras da corporación.
A exposición está composta por 12 paneis informativos, dirixidos tanto ás empresas como á poboación en xeral, co obxectivo de sensibilizar e romper estereotipos sobre as persoas con diversidade e o mercado laboral.
Na inauguración interviu María Isabel Casanova, que contou a súa experiencia traballando nun McDonalds, e estiveron tamén Paula e Marta, alumnas en prácticas que traballan desde hai semanas na área de Servizos Sociais e na recepción do concello, respectivamente.
“Moitas grazas, Paula e Marta, polo voso traballo”, afirmou María Loureiro, que comprometeuse “a seguir traballando conxuntamente coa Asociación Síndrome de Down de Lugo para garantir a igualdade e a inclusión das persoas con diversidade funcional. Exposicións como esta son fundamentais para visibilizar o seu traballo diario”.
“É unha tarefa de toda a sociedade promover unha cultura empresarial que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico. Por suposto, aquí as administracións públicas temos tamén moito que dicir, impulsando as contratacións das persoas con diversidade funcional e colaborando de forma activa coas entidades que traballan a diario con elas”, engadiu a alcaldesa.