Cervo, 20 de setembro, 2023. A XV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrarase este ano en 52 concellos de toda Galiza e participarán máis de 60 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…). Ainda que algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados, tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta décimo quinta edición. A limpeza será o 24 de setembro e mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 52 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
En Cervo realizará a coordinación da limpeza a Asociación Fervenza de Sargadelos. O encontro para a limpeza dun treito do Río Xunco será o sábado 24 ás 10h 30 na Praza do Souto. Os/as voluntarios/as recibirán de agasallo unha camisola co lema da limpeza. Para participar é preciso inscribirse antes do venres 22 enviando un correo a fervenzadesargadelos@gmail.com
Na páxina web http://proxectorios.org/limpeza/ pódese consultar toda a información relativa á limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordenadores/as e as entidades participantes e colaboradoras.
Voluntariado Ambiental:
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos, proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.