Prevese a sinatura dun convenio colectivo en cada consorcio coas mellores condicións que xa tiñan os traballadores para logo iniciar a negociación de novos convenios e homoxeneizar as condicións laborais de todos os parques de bombeiros
Lugo, 2 de agosto de 2023. A Deputación de Lugo xunto ao resto de institucións provinciais e a Xunta acordaron continuar as negociacións co persoal do servizo contraincendios e salvamento a través dun protocolo de colaboración asinado hoxe polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a Deputada Pilar García Porto, en representación do Presidente, José Tomé Roca; os presidentes das deputacións de Ourense, Luis Menor, e de Pontevedra, Luis López, e o Deputado José Ramón Rioboo, en representación da Deputación da Coruña.
As forzas sindicais representativas dos traballadores dos parques de bombeiros comarcais, que mantiveron reunións con representantes das administracións o 22 de xuño e o 13 de xullo pasados, rexeitaron sumarse ao acordo, pese a que este recolle as súas demandas, así como o compromiso das centrais a restablecer a normalidade no servizo. A pesar disto, o Goberno galego e as deputacións manteñen o ofrecemento para avanzar na negociación.
O acordo fixa a vontade de traballar de xeito conxunto para aplicar a sentenza do 28 de xaneiro de 2022 ao persoal subrogado dos consorcios provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra de prestación do Servizo contra incendios e salvamento, mantendo a condición de persoal indefinido fixo que tiñan no momento da subrogación co gallo do modelo de xestión.
Con este obxectivo, como primeiro paso prevese a sinatura dun convenio colectivo en cada un dos consorcios no que se recollan as mellores condicións dos convenios que tiñan os traballadores coas empresas prestadoras do servizo. Búscase así que a fixeza do persoal se realice cun procedemento coas garantías legais necesarias, tal e como xa acordara a Xunta coas deputacións provinciais e consonte aos criterios da sentenza. O texto asinado recolle que ese convenio se formalizará á maior brevidade posible e que terá unha vixencia dun ano.
A partir desta sinatura, as partes implicadas comprométense a iniciar o vindeiro setembro a negociación de novos convenios colectivos para homoxeneizar as condicións laborais do persoal dos catro consorcios e que entrarían en vigor en outubro de 2024. En paralelo, principiarase a tramitación das respectivas Relacións de Postos de Traballo (RPTs).
O consorcio provincial de bombeiros de Lugo está financiado ao 50% pola Deputación e pola Xunta. En 2018 formulouse a posibilidade do cambio de modelo de xestión para pasar de indirecta a directa nos 24 parques de bombeiros dos consorcios provinciais da comunidade autónoma, unha decisión que foi apoiada polo Goberno galego coa condición de que non suporía un aumento do custo nin maiores achegas económicas da administración autonómica.
Deste xeito, unha vez culminados os trámites neste ano no de Ourense, os consorcios funcionarán en todas as provincias con xestión directa, o que implica a subrogación dos efectivos das empresas que prestaban o servizo. O cambio de modelo require a subrogación en réxime de indefinido non fixo, para posteriormente a través dun proceso selectivo converter o persoal en indefinido do consorcio.