Burela, 2 de agosto de 2023. As nenas e os nenos da Ocioteca de Verán, coa axuda das monitoras de Gaia, realizaron unha actividade denominada Lixo de cada día.
Segundo explican as propias monitoras “consistiu nun roteiro á praia de O Portelo e a elaboración dun mural no que clasificaron segundo a súa procedencia os diferentes residuos que se poden atopar nos nosos areais: bastonciños, toalliñas húmidas, compresas, botellas de plástico, tapóns, microplásticos, restos de redes, cabichas…”.
A concelleira responsable do Centro Gaia, Lina Gómez, contou que “as monitoras de Gaia fixeron fincapé en que estes residuos estarán durante moitos anos na natureza e nalgunhas ocasións nunca desaparecerán, ocasionando contaminación nos nosos mares e praias. E insistiron na necesidade de depositalos, sempre que sexa posible, nos diferentes contedores que atoparemos nas nosas rúas”.