A tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, deu conta da analítica máis recente, enmarcada no control semanal da auga realizado polo Concello
“Dende o Goberno local presentamos a documentación correspondente aos representantes veciñais, para informalos con total transparencia sobre o estado da calidade da auga”, recalca Loureiro sobre a reunión informativa, na que tamén estivo presente a técnica municipal de medioambiente.
Recentemente, o areal foi suprimido do programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia da Consellería de Sanidade, unha circunstancia que implica a prohibición do baño nesta praia. Malia que as analíticas máis recentes avalan o baño nesta praia, os resultados microbiolóxicos obtidos nas pasadas tempadas obrigaron ao Concello a prohibir o baño.
“A prohibición baséase nos resultados de anos anteriores, pero as últimas analíticas confirman que é apta para o baño, ao que se suman as obras de mellora na EDAR de Celeiro e no emisario. Por iso, solicitaremos de novo a inclusión da praia de Celeiro no programa de vixilancia sanitaria de zonas de baño”, sinala a tenenta de alcaldesa.
Mentres dure a exclusión da praia do programa da Consellería de Sanidade esta deixará de facer un seguemento deste areal nas próximas tempadas de baño, debendo o Concello colocar carteis indicando a prohibición de non bañarse.
Dende o Concello informarase ademais aos usuarios da praia do resultado das últimas analíticas mediante a colocación de carteis no propio areal, para que estes teñan coñecemento da situación actual da calidade da auga.