Castro de Rei, 6 de agosto, 2023. Un ferido foi evacuado ao Hospital Universitario Lucus Augusti tras rexistrarse un accidente no lugar de Castro de Ribeira do Lea, no concello lucense de Castro de Rei.
Os Bombeiros de Vilalba indicaron ao 112 Galicia que houbo un choque entre un camión de transporte de leite e un turismo cando ambos circulaban polo Polígono de Castro e que, como consecuencia, outro coche que estaba aparcado nas proximidades tamén resultou afectado.
O aviso á central de emerxencias galega foi recibido ao fío das 12:15 horas a través da chamada de alerta de varias persoas particulares que foron testemuñas do suceso. Nun primeiro momento, indicaban que o condutor do turismo afectado estaba inconsciente e non era capaz de abandonalo polos seus propios medios.
Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais sanitarios, aos Bombeiros de Vilalba e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.
Finalmente, unha vez no lugar, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento informaron ao 112 Galicia que, ao mover o coche, foron capaces de acceder ao ferido sen a necesidade de empregar o material de excarceración.