Burela, 7 de agosto, 2023. O deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Francisco Cajoto, xunto coa presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, clausuraron este domingo pola tarde a 21ª edición da feira Produart, a Feira dos Produtos do Mar, Artesanais e Ecolóxicos que organiza anualmente a Fundación Expomar no porto de Burela na primeira fin de semana de agosto coincidindo coa Feira do Bonito.
Ademais neste acto tamén se fixo un recoñecemento público tanto á Fundación Eu Son como á Sociedade Cultural Ledicia polo seu importante labor social, cultural e de promoción do bonito de Burela.
De venres a domingo a nave de redes do porto de Burela recibiu a milleiros de visitantes animados tamén polo acceso gratuíto, o bo tempo e a multitude de citas festivas que acolleu Burela nestas datas, desde a XXXVII Feira do Bonito, o Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, o Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego, o Torneo de Baloncesto 3×3, a Quedada de Coches Clásicos ou o Torneo de Fútbol de Veteranos.
“Esta fin de semana pasaron moitas persoas pola nosa vila e iso é gracias á grande oferta de actividades que se levaron a cabo para facer da primeira fin de semana de Agosto unha cita xa ineludible con Burela”, afirmaba Carmela López, alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar.
Moitos dos máis de 40 expositores que participaron nesta edición da feira, chegados desde diferentes puntos de España e Portugal, facíano por primeira vez e xa trasladaron á organización o seu interese para volver o vindeiro ano. Algúns deles recoñeceron que nestes tres días agotaron todo o produto posto á venda durante a feira.
En Produart déronse cita expositores de diversa orixe, desde produtos pesqueiros ata artesanía tradicional, alimentación (tanto perecedeira como elaborados e conservas), produtos naturais e ecolóxicos.
O programa de actividades tamén incluía demostracións de encaixe de bolillos, actividades infantís e mesmo visitas ao Barco Museo Boniteiro ‘Reina del Carmen’, atradado no porto de Burela xusto ao lado da nave de redes. Este ano cobraron maior relevancia tamén as degustacións de produtos do mar e as actuacións musicais, como a do grupo de cantareiras e pandereteiras da Sociedade Cultural Ledicia, ‘As Grileiras’ o venres ou a dos ‘Acordeonistas da Mariña’ o domingo antes da clausura.
Desde a Fundación Expomar agradécese a animada participación tanto de expositores como de público asistente, así como a colaboración da Xunta de Galicia por medio da Consellería do Mar, da Deputación Provincial de Lugo, do Concello de Burela e de todas as entidades que forman o padroado da Fundación.