Ocupará o posto de adxunto ao vicepresidente executivo do club e tamén adestrará na Escola Deportiva Cabreiroá Burela FS.
Burela, 25 de agosto, 2023. Óscar Antonio Ordóñez Sánchez foi presentado na tarde de onte, nun acto celebrado xunto ao presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, como unha das últimas incorporacións ao persoal de dirección do club. Exxogador desta casa, Óscar Ordóñez realizará as funcións de adxunto ao vicepresidente executivo e adestrador do equipo infantil masculino da Escola Deportiva Cabreiroá Burela FS.
Óscar ten unha ampla experiencia no mundo do futsal, primeiro como xogador e despois como adestrador, tanto en equipos masculinos como femininos.
Con máis de 20 tempadas disputadas en División de Honra e División de Prata, debutando na tempada 89/90 nas filas do Keralite Macer (despois Playas de Castellón), Óscar Ordóñez xogou nunha gran cantidade de importantes equipos do noso país como El Pozo Murcia, Tenerife Coelca Toscal, Rías Baixas de Pontevedra, O Parrulo Ferrol y Pescados Rubén Burela FS (no que militou tres tempadas).
Durante o seu período en activo como xogador, Óscar logrou ser convocado como internacional por España na tempada 93/94.
Ademais, Óscar Ordóñez conta cunha ampla formación e experiencia como adestrador. Entre outros postos, foi primeiro adestrador do equipo feminino CD Bimil-lenari FS de 1ª División na tempada 07/08, primeiro adestrador do Xaloc Alacant FS de 3ª División na tempada 10/11 e 2º adestrador do equipo senior masculino CD Bimil-lenari FS, co que conseguiu un campionato rexional e varios ascensos.