Site icon Crónica3.com A Mariña

Os locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo gozarán nas festas dunha ampliación de 2 horas mais sobre o seu horario habitual de licenza

Ribadeo, 31 de agosto de 2023. Os locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo gozarán dunha ampliación de 2 horas mais sobre o seu horario habitual de licenza, grazas ao permiso tramitado pola patronal ribadense.

Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo o xerente, Jesús Pérez, explica que “no día de hoxe vimos de recordarlles aos nosos asociados e asociadas a resolución pola que os hostaleiros membros de Acisa contarán con 2 horas máis de autorización para poder traballar nas principais datas das festas patronais de Ribadeo. Grazas a esta autorización tramitada pola nosa asociación estamos a falar de que nas madrugadas dos días 1 ao 2, do 2 ao 3, do 3 ao 4, do 4 ao 5, do 5 ao 6, do 6 ao 7, do 7 ao 8, do 8 ao 9, do 9 ao 10, é dicir toda a semana dos festexos, os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02:30 a facelo ás 04:30 horas, as discotecas e salas de festas de 06:00 a 08:00; e os pubs das 04:00 ás 06:00 da madrugada”.

E sinala: “parécenos moi interesante poder ofrecerlle este servizo os nosos asociados e asociadas, deste xeito dáselles a oportunidade de poder traballar mais horas durante a celebración das patronais de Ribadeo. Deste xeito os mozos e mozas e os que non o son tanto, poderán desfrutar de mais horas de lecer na nosa hostalaría”.

Jesús Pérez subliña que “desta ampliación horaria pódense beneficiar unicamente os asociados de Acisa Ribadeo, xa que nos encargamos dende a entidade de xestionalo. A Policía Local conta co listado dos establecementos que poden gozar desta ampliación horaria así como con copia da autorización emitida”.

Desde a directiva de Acisa Ribadeo felicitan as festas “a todos os nosos veciños e veciñas, que aproveiten estes días tanto eles como os nosos visitantes para comer, cear e saír a tomar algo na nosa hostalaría, e facer as súas compras no comercio local”.

Exit mobile version