Site icon Crónica3.com A Mariña

O Sindicato Labrego Galego sinala que as industrias son as responsábeis da baixada do prezo do leite

“Iniciamos unha campaña de denuncia sinalando con faixas industrias lácteas que forzaron a última baixada de prezos”

Compostela, 5 de Agosto 2023. Logo de dirixirnos en reiteradas ocasións á Consellaría do Medio Rural e denunciar publicamente nos últimos meses a baixada de prezo orquestada polas industrias lácteas, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) damos inicio a unha campaña de denuncia dirixida a sinalar directamente a súa responsabilidade.

Ao longo destes días penduraremos faixas diante das industrias que, como Leite Rio e Puleva -adxuntamos imaxes-, asinaron contratos á baixa. Estas dúas industrias, das que recentemente veñen de coñecerse datos récord sobre as súas ganancias no último ano, son ademais as que maior recollida de leite teñen en Galiza, polo que ao ser referentes, marcan a liña a seguir do resto de industrias, ficando claro que neste momento todas seguen un patrón semellante.

Independentemente do produto que transformen ou do segmento de mercado diferente no que traballen, todas as industrias que recollen o leite na Galiza están entregando ás gandeiras e aos gandeiros contratos á baixa.

Esta devaluación do prezo do leite por parte do sector industrial está a ter lugar nun momento no que os custos de produción mantéñense altos, sen que até o dagora se noten baixas importantes en insumos principais como a alimentación, ao tempo que a seca condiciona que os custos sigan a ser un tema preocupante nalgunhas zonas do noso país.

Ademais, malia que Galiza segue a ser o principal produtor de leite a nivel estatal, e ao descenso de produción que está a marcar este último ano, no noso país o prezo medio de xuño foi de 0,517€/l., moi lonxe dos 0,534€/l. que perciben as granxas do resto do Estado.

Ademais son varias as industrias que teñen un trato desigual coas granxas e modelos de contrato, con condicións distintas que normalmente prexudican ás mais pequenas. A diferencia entre as granxas galegas do tramo mais baixo de produción e o máis alto, ou o que é o mesmo, entre as granxas pequenas e as grandes, é de 7,48ct/l., visibilizando unha clara discriminación na que o mesmo produto, coa mesma calidade, é pagado a un prezo moi diferente.

Estas dificultades engadidas aceleran inda máis o abandono e peche das granxas que, xa por mor do relevo xeracional, acada cifras dramáticas para o rural galego. Canda elas tamén esmorecen multitude de pequenos comercios, repercutindo na economía das comarcas, mentras as industrias aumentan beneficios e non proporcionan o mesmo grao de retorno local. Multinacionais capitalistas coma Lactalis facturaron o ano pasado máis de 1.500 millons, mentres que a aposta por mellorar as fabricas galegas se limitou a 3,2 millos de € de investimento. Un claro exemplo de quen deixa o capital aquí na terra e quen o leva para fóra

Como levamos anos reivindicando dende o Sindicato Labrego Galego, ao igual que en todos os eidos profesionais, para garantir a viabilidade das granxas e o futuro do sector, os prezos do leite non só teñen que cubrir custos, senón tamén remunerar o traballo das gandeiras e gandeiros, que como calquera persoa traballadora viven dos seus salarios.

É totalmente intolerable que a Xunta, moi lonxe de cumprir ca súa responsabilidade de velar por unha aplicación real da Lei, estea a actuar como cómplice necesaria nos abusos das industrias lácteas, facendo oídos xordos ás continuas denuncias do SLG, infrinxindo o seu compromiso de publicar a evolución dos custos de produción -dificultando así o cálculo dun prezo final por litro que cubra custos e remunere o traballo-, abandonando as súas responsabilidades na entrada de leite de fóra e mesmo introducindo modificacións para que poidan acceder ás axudas empresas sancionadas en firme por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria.

Mentras o Conselleiro José González Vázquez e a Xunta están desaparecidos, a sangría de peche de granxas de leite galegas continúa agravándose: das 6.171 que había fai un ano, xa só quedamos 5.853.

Exit mobile version