Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe a Tomé que a Deputación teña palabra e cumpra con Xove o protocolo asinado hai 5 anos para a renovación e traspaso das vías provinciais

Os populares denuncia a dobre vara de medir de Tomé poñendo como exemplo a LU-P-2604, que no treito que percorre Viveiro está en boas condicións con aglomerado en quente, mentres que en Xove está desfeita

Luns, 14 de agosto de 2023. O 11 de xuño de 2018 o entón presidente da Deputación, Darío Campos, e o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, asinaban un protocolo de colaboración entre ambas administracións para a mellora conxunta, a xestión e a entrega ao concello mariñán ata 10 estradas de titularidade provincial.

A realidade é que este acordo non se materializou, a pesar de que xa transcorreron máis de 5 anos e que “sería moi beneficioso” para a Deputación de Lugo. Así o expón o voceiro popular Antonio Ameijide, que visitou este municipio da Mariña luguesa xunta ao deputado provincial, José María Fernández, e ao alcalde da vila, Demetrio Salgueiro.

Segundo este protocolo, procederíase á revisión, renovación e posterior traspaso ao Concello de Xove de todas as vías da Deputación que percorren este municipio. Segundo o acordo, “unha vez que a Deputación levase a cabo as actuacións comprometidas (2 vías as renovaría a Deputación e 8 o Concello de Xove) o Concello asumirá a titularidade de todas as estradas provinciais que atravesan o municipio contraendo deste xeito a obriga futura da súa conservación e reparación”. “José Tomé sempre se está a queixar de que a Deputación de Lugo é a administración con máis quilómetros de estradas a manter de todo o país, polo que non se pode entender que non dean cumprimento a este protocolo polo que a administración provincial deixaría de ter que tutelar case 50 quilómetros de vías”, explicou.

As vías afectadas por este acordo serían as LU-P2601; 2602; 2603; 2604; 2605; 2606; 2607; 2609; 2610 e 6606, en total 47,9 quilómetros de estradas provinciais que pasarían a ser de titularidade do Concello de Xove trala súa renovación que asumirían ambas administracións nunha contía do 50% cada unha. Estas vías son de vital importancia para o municipio ao dar servizo a distintas parroquias e ser os únicos accesos ás praias e a outras zonas da costa, así́ como á planta Pescanova, o Portiño de Morás, o Porto de Portocelo e empresas auxiliares de Alcoa.

En novembro de 2019 realizáronse preguntas no pleno da Deputación para coñecer a situación deste protocolo e se o goberno provincial tiña intención de cumprilo, ao que José Tomé respondeu que “a vontade deste equipo de goberno é traballar por tódolos concellos, na medida das posibilidades de investimento que hai; pero se nos dedicamos a pedir estes volumes para un só, qué quere que lle diga?; imos ser serios, porque o resto de concellos da provincia, da súa ou doutra cor política, tamén teñen dereito a ser atendidos porque tamén teñen estradas en non moi bo estado”.

Neste senso, Antonio Ameijide ve “cando menos curiosa” a resposta dada polo presidente da Deputación, “a persoa que mantén os 365 días do ano unha brigada completa do parque móbil provincial no concello do que é alcalde, demostrando que di unha cousa e que na realidade fai outra diferente”.

NULO MANTEMENTO E NEFASTO ESTADO DE CONSERVACIÓN

Os deputados provincias populares comprobaron “a diferenza entre un goberno que se preocupa polos seus veciños e un que non”. Antonio Ameijide sinala que, por exemplo, na estrada provincial LU-P-2606 (de Xove a Rocha), que conecta cunha vía municipal “podemos ver perfectamente o remate e inicio de cada unha das vías, xa que a estrada da Deputación está destrozada, mentres que a de titularidade municipal está en perfecto estado de revista”.

A realidade é que as vías de titularidade da Deputación no Concello de Xove precisan dunha renovación urxente, a limpeza e roce da vexetación, repintado e mellora da sinalización.

Outro exemplo moi gráfico é a estrada LU-P-2604 (De Xove a Valcarria) “totalmente deteriorada, tendo o seu mellor exemplo nunha curva que se converteu nunha enorme fochanca xa que non lle queda nada do asfalto que tiña”.

Aquí vemos como hai unha dobre vara de medir, xa que na LU-P-2604 o treito que percorre Viveiro está en moi boas condicións, con aglomerado en quente, mentres que o treito que percorre Xove está en moi malas condicións e unicamente cun rego asfáltico.

Exit mobile version