O Grupo Municipal Popular levará o asunto ao pleno e pedirá que a programación infantil atenda á diversidade e teña en conta as necesidades de tódolos nenos e nenas
Burela, 26 de agosto de 2023. Os populares de Burela fanse eco das queixas dos pais e nais sobre a temática das letras das cancións empregadas como animación musical nos inchables situados diante a Casa do Concello. “Se ben nos parece axeitado que os nenos e nenas dispoñan de oferta de ocio no tempo estival, o que non compartimos é que o goberno local se desentenda das actividades contratadas e permita o uso de letras malsoantes e fóra de lugar como animación dos inchables infantís”.
É por iso polo que “dende o PP de Burela instamos ao goberno bipartito a actuar de forma responsable e controlar non só que as actividades se desenvolvan ben, senón que se adapten ao contexto e, neste caso, a animación musical sexa acorde á idade dos usuarios”.
O Grupo Municipal Popular esixirá no vindeiro pleno “un maior control sobre a adecuación da programación das actividades infantís co fin de evitar malestar entre os pais e nais”.
O voceiro, Manuel Rouco, sinala como “unha debilidade máis deste goberno bipartito, a falta de control que debe exercer un goberno dun Concello coma Burela que na actualidade require dunha xestión dende unha perspectiva social”.
ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
Os populares piden, ademais, unha programación de actividades atendendo á diversidade e, polo tanto, que o goberno bipartito teña en conta as necesidades de tódolos nenos e nenas para garantir ao máximo posible a súa participación en igualdade de condicións.