A Mariña, 14 de agosto, 2023. O décimo ‘Festival Bal y Gay’ vivirá este martes do 15 de agosto uo dos seus momentos históricos coa dobre actuación de Maria João Pires, unha das mellores pianistas do mundo. A artista portuguesa de 79 anos ofrecerá un dobre pase no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo (12:30 e 20:30 horas) con todas as entradas esgotadas. Será un día inesquecible para o festival, único en España por presentar excelentes propostas artísticas con grandes estrelas internacionais e figuras emerxentes a nivel mundial en espazos emblemáticos da comarca da Mariña. Unha xornada soñada no 10 aniversario do evento, que naceu en 2014 en Nois -parroquia de Foz de menos de 500 habitantes- para achegar a música clásica a todos os públicos e eliminar os prexuízos existentes sobre este xénero musical. Pires incluirá no seu programa obras de Debussy (Suite bergamasque) e Schubert (Impromptu n°3 in B-flat major ‘Rosamunde’ D.935, Sonata in A major D.664).
Maria João Pires (Lisboa, 1944) deu o seu primeiro concerto público á idade de 4 anos. Comezou os seus estudos de música e piano con Campos Coelho e Francine Benoît, continuándoos máis tarde en Alemaña con Rosl Schmid e Karl Engel. Ademais dos seus concertos, realizou gravacións para a discográfica Erato durante 15 anos e Deutsche Grammophon durante 20. Pires dedicouse, desde a década dos 70, a reflectir a influenza da arte na vida, a comunidade e a educación, tratando de descubrir novas maneiras de establecer esta forma de pensar en sociedade. Busca novas vías, respectando o desenvolvemento de individuos e culturas, para fomentar o intercambio de ideas.