Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro informa que as analíticas semanais da praia de Celeiro confirman a boa calidade da auga, pero a prohibición de baño segue vixente

O Concello cumpre coa orde da Consellería de Sanidade de prohibir o baño na praia a raíz da súa eliminación do programa de vixilancia sanitaria polos resultados microbiolóxicos obtidos en anos anteriores

Viveiro, 29 de agosto de 2023. O Concello de Viveiro anuncia que a terceira das analíticas realizadas na auga da praia de Celeiro nas últimas 3 semanas confirma de novo a súa aptitude para o baño. Non obstante, a prohibición de bañarse no areal continúa vixente.

Esta prohibición produciuse cando a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia eliminou a este areal do programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia por mor dos resultados microbiolóxicos obtidos en tempadas pasadas. Porén, as analíticas realizadas semanalmente dende entón avalan o baño nesta praia.

Dende o Concello sinalan que “o pasado 23 de agosto solicitouse de novo a inclusión da praia de Celeiro no programa de vixilancia sanitaria”, xa que “aos resultados nas últimas analíticas hai que sumar as recentes obras de mellora da EDAR de Celeiro e no emisario”. “Confiamos en que esta situación se resolva o antes posible”, engaden.

Ata que o areal non sexa incluído de novo no programa, o Concello continuará informando aos usuarios tanto da prohibición vixente de bañarse nas súas augas como dos resultados microbiolóxicos obtidos nas últimas semanas.

Exit mobile version