Burela, 14 de agosto de 2023. O Concello de Burela solicita aos seus veciños e veciñas un consumo moderado e responsable de auga ante a activación dun escenario de seca prolongada.
Nun bando emitido esta mañá, a alcaldesa de Burela, Carmela López, manifesta que “ante a activación do escenario de seca prolongada, debido a escaseza de choivas e a almacenaxe de augas, na unidade territorial de seca 05 Río Mera e a ría de Ribadeo, á que pertence o concello de Burela, faise un chamamento a toda a veciñanza solicitando implicación, compromiso e responsabilidade dun uso de consumo moderado e responsable da auga”.
“Advírtese da necesidade de absterse de realizar usos indebidos e/ou non esenciais da auga de traída municipal a tódalas persoas aboadas (enchido de piscinas, lavado de coches, rego de xardíns, hortas ou fincas, as duchas e os lavapés nas praias e outros usos da auga que non sexan imprescindibles) para garantir así un subministro nos domicilios para o consumo doméstico, ante as especiais circunstancias actuais que indican que a situación de seca se pode prolongar no tempo”, engade á alcaldesa.
Nas redes sociais do concello, publicáronse tamén esta mesma tarde consellos da empresa concesionaria, baixo o lema ‘Está na túa man. Pecha a billa cando toca’.