A Policía Local proporá para sanción aqueles que incumpran a normativa respecto das condicións de hixiene e estética esixibles
Dende a concellería de Medio Ambiente sinalan que “a Burela Bonita que todos ansiamos pasa pola responsabilidade da cidadanía de manter e conservar os soares en condicións de salubridade, seguridade e ornato público”. Porén, “algúns dos propietarios están a eludir o seu compromiso co noso municipio”, indican.
No período estival, polas condicións de sequedade e o incremento das temperaturas, a ausencia de conservación dos terreos favorece a probabilidade de que se incrementen os riscos de incendio, polo que se fan necesarias este tipo de actuacións. Ademais, trátase dunha época que favorece a aparición de moita da fauna silvestre.
No Regulamento da Lei do Solo de Galicia, lembran dende a concellería de Medio Ambiente, ínstase “a todos os propietarios de parcelas vacantes de edificación ou en situación básica de rural á obriga legal de conservalas, executando á súa costa as obras ou traballos necesarios”.
Así mesmo, a Ordenanza Municipal de Limpeza do municipio sinala que “os propietarios de soares e terreos deberán mantelos limpos, libres de residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público”. Esta obriga inclúe a esixencia de desratización e desinfección dos soares.
A ordenanza sinala tamén que “dende os soares particulares non poderá sobresair á vía pública ningunha clase de maleza, arbustos, matogueiras ou calquera clase de vexetación”.
Ademais, no seu artigo 24 de execución subsidiaria dos traballos indícase que “os servizos municipais procederán á execución subsidiaria dos traballos a que fai referencia o artigo anterior, con cargo ao obrigado e sen prexuízo das sancións correspondentes”.
“Se por motivos de interese público ou sanitario fose necesario asumir subsidiariamente as obrigas do propietario, o Concello procederá a acceder aos soares de propiedade privada, imputando todos os custos da actuación que correspondan aos propietarios do terreo”, sinálase tamén no mesmo artigo.
Ditas infraccións, de acordo co artigo 47 da citada ordenanza no seu apartado b.3, están tipificadas como graves, con ata 1.500 euros de penalización.
Dende a concellería de Medio Ambiente faise un chamamento “ó civismo da veciñanza para conservar e manter os solares da súa propiedade”. De persistir a ausencia de limpeza de solares e o estado de abandono, “procederase a adoptar as medidas precisas de conformidade coa normativa”, sinalan.