Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Riotorto demanda liñas de axudas municipais para material escolar e desprazamento a centros educativos

Riotorto, 1 de agosto de 2023. O BNG de Riotorto pedirá a creación de liñas de axuda municipais para material escolar e para o desprazamento a centros de ensino fóra do concello de cara ao vindeiro curso. A forza nacionalista presentará a proposta no vindeiro pleno municipal, o primeiro ordinario deste mandato, que se celebrará o venres 4 de agosto.

O BNG propón establecer unha liña de axudas para material escolar para alumnado de educación infantil – excluído da convocatoria da Xunta de Galicia- e outra para gastos de desprazamento a centros educativos dirixida a alumnado de Bacharelato, formación profesional, estudos universitarios e centros ocupacionai e vinculada á renda familiar e a distancia ao lugar de estudo.

“Levamos a proposta ao primeiro pleno ordinario da lexislatura, con tempo suficiente para que se contemple nos próximos orzamentos e as familias poidan beneficiarse desas axudas no vindeiro curso escolar”, explican desde o BNG.

“A educación de fillas e fillos, mesmo sendo pública, require das familias un esforzo económico para afrontar gastos relacionados co material escolar e o desprazamento a centros educativos. Se ben corresponde á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado dispoñer e dotar suficientemente axudas que garanticen a igualdade de oportunidades no acceso á educación en todas as etapas, ao tempo que asumimos como propia esa reclamación a outras administracións, consideramos que o Concello de Riotorto debe contribuír, na medida das súas posibilidades, a esa igualdade con liñas de axuda propias e compatibles con outras, como fan outros moitos concellos”, recolle a proposta.

Nesa liña, a moción subliña que “este tipo de axudas se fan máis necesarias no rural pola escaseza de alternativas de transporte público e a política educativa da Xunta de Galicia que restrinxe as especialidades nos centros do rural e concentra a oferta formativa nas capitais de comarca e da provincia”.

Exit mobile version