Ribadeo, 4 de agosto, 2023. Desde o BNG de Ribadeo comunicamos no seu momento á sociedade ribandense a nosa valoración dos resultados electorais: aceptamos con humildade, e a firme vocación de servir ao pobo, o papel de oposición que nos asignou o electorado ribadense. Fixemos tamén autocrítica e recoñecemos a necesidade de nos abrir máis á sociedade, de reforzar de xeito fluído o diálogo constante coas veciñas e veciños e de achegar as nosas propostas para dar solucións aos problemas que os afectan.
Nunha ocasión posterior valoramos a decisión do novo equipo de goberno de aprobar o novo salario do alcalde (chegando ao máximo legal permitido, e máis elevado que o do anterior) e dúas dedicacións exclusivas (unha completa e outra media). Obviamente, sae máis caro ás arcas municipais este equipo de goberno que o anterior. Será, cando menos, igual de eficaz? Traballarán, polo menos, tanto? Para abordar este tema consideramos que era bo darlle un certo prazo de tempo (o que a prensa representa simbolicamente con eses primeiros cen días de goberno) para que acabasen tomando posesión dos cargos. Pero nin eles o respectaron. De feito, xa comezan a nos facer oposición á oposición no canto de buscar solucións aos problemas de toda a veciñanza. Gobernar non é iso, señor Daniel Vega. Gobernar é buscar solucións, non laretar día si día tamén sobre o que outros fixeron no pasado ou deixaron de facer.
Na cuestión da limpeza viaria o PP encheuse no pasado de sacar fotos e máis fotos (en lugares moi concretos e en momentos moi puntuais) querendo dar a impresión de que Ribadeo vivía unha situación caótica. Tratábase de xerar a sensación de desleixo completo e de caos absoluto. Pois ben: levamos xa un mes no que, a maiores do persoal municipal (que desempeña o seu traballo eficazmente), se contratou unha empresa privada para reforzar dito servizo de limpeza. A pesar do esforzo económico feito, co diñeiro de todos os veciños e veciñas de Ribadeo, o goberno municipal non está a lograr melloras sustanciais.
Hai imaxes que están na retina de todos nós que non concordan con esa situación idílica pintada polo señor Daniel Vega. O aumento enorme de poboación nos meses do verán xera estes problemas. E requiren de boa planificación. A xente pode comparar as imaxes deste verán coas do anterior e sacar conclusións. O actual equipo de goberno gasta moito máis que o anterior no servizo de limpeza e non consegue mellores resultados. Peores ou, no seu caso, como moito, iguais. Valoren quen xestiona mellor.
Chama a atención o empeño por demostrar que cuns baldeados intensivos de dúas ou tres rúas (e das persoas que por alí poidan andar a tomar un café) mellorou moitísimo a limpeza en Ribadeo. Por favor: non se lles vaia a man coa presión da auga, non vaia ser que deixen totalmente ao descuberto os lastros (adoquíns) e comecen a soar como as castañolas.
Ben podemos tomar nota de que o novo goberno do PP, con Daniel Vega á cabeza, non consegue apenas facer o mesmo que o anterior goberno do BNG, nin sequera dispoñendo de moitos máis recursos (empresa externa incluída). Non son eficaces na xestión. Á parte de actitudes prepotentes querendo copar todo o protagonismo, o señor Daniel Vega non é quen de xestionar ben os recursos de toda a veciñanza de Ribadeo. Debe ser por iso que xa comeza a lanzar globos sonda para ver se introduce novos temas na axenda municipal con tal de aparentar que o anterior equipo de goberno non facía nada e con el todo era caos.
Pretende acaso o señor Vega ir creando a sensación de que o problema da limpeza só ten solución se é privatizado? Está en condicións de afirmar Daniel Vega que non contempla en absoluto a posibilidade de privatizar o servizo de limpeza?.
Por outra banda, a que vén cuestionar a localización do novo centro de saúde, proposta xunto con outras catro polo anterior equipo de goberno, e escollida de entre elas pola Consellaría de Sanidade? É que nin sequera se fía dos seus o señor Vega? Ou quere provocar problemas con este tema para ver se se dilata a súa construción e así disimular a posíbel falta de inversión por parte da Xunta en Ribadeo? Goberne, señor Vega. Gañe o soldo. Págaselle para solucionar problemas, non para crealos. E xestione ben os fondos públicos, non os malgaste alegremente.