Empraza á Xunta a “rectificar na súa intransixencia” respectando as condicións laborais para velar tamén pola seguridade das persoas
“No momento de maior risco de incendios estanse pechando parques por falta do persoal necesario, o que provoca unha deficiente cobertura nas emerxencias”, advirte o deputado nacionalista, que lembra que recentemente se tiveron que mobilizar bombeiros dende O Porriño para atender unha alerta por incendio en Cangas porque estaba pechado o parque de Bueu.
Tabarés, que xa rexistrou unha iniciativa no Parlamento Galego por esta cuestión, achaca á “intransixencia e neglixencia” da Xunta o peche dos parques, pois o Goberno do PP tense negado a negociar cos traballadores e traballadoras dos mesmos, inmersos nun conflito laboral que o pasado mes de xuño lles levou a convocar unha folga pola que deixaron de realizar, de xeito voluntario, horas extraordinarias.
“Esta medida evidenciou a carencia de persoal existente nos Consorcios Provinciais de Extinción de Incendios e Salvamento, polo que dende a adopción de tal medida practicamente cada día algún parque comarcal houbo pechar o servizo por carecer de efectivos mínimos para atendelo”, denuncia o deputado do Bloque na súa iniciativa.
Ante a persistencia do conflito e as consecuencias do mesmo, o BNG esixe de novo á Xunta que sente a negociar cos traballadores e traballadoras dos consorcios, que reclaman da Administración melloras laborais e sociais e, conforme aos criterios establecidos polo Tribunal Supremo, a integración como persoal laboral do cadro de persoal que fora subrogado cando os parques comarcais de bombeiros pasaron á xestión pública directa.
“Dende o BNG esiximos á Xunta responsabilidade e que rectifique a súa postura de intransixencia, que negocie e respecte as condicións laborais dos traballadores e traballadoras dos consorcios para velar tamén pola seguridade das persoas”, manifesta o deputado nacionalista, lembrando que o PP xa ten votado en contra de anteriores iniciativas presentadas polo Bloque neste sentido.
A maiores, traballo de Seaga
Tabarés critica ao Goberno do PP por non ter adoptado medidas para paliar a situación, pero tamén por agravala aínda máis ao “derivar aos parques comarcais traballos que corresponden á propia Administración autonómica e cuxa execución corresponde á empresa pública Seaga”.
Neste sentido, pregunta na súa iniciativa cantos foron os niños de velutina retirados diariamente en Galiza durante este ano 2023, e cales deles foron retirados por intervención da empresa pública Seaga e cales polo persoal dos parques comarcais pertencentes aos Consorcios Provinciais de Bombeiros.