O Deputado de Recursos Sostibles e a Alcaldesa da localidade clausuraron unha nova edición desta dobre cita coa que colabora a institución provincial cunha achega económica, con difusión, cunha demostración culinaria e cun expositor informativo
Concretamente, a institución provincial apoia a Feira do Bonito cunha axuda económica de preto de 6.000€, con difusión e cunha demostración culinaria; e instalou un expositor informativo sobre os recursos patrimoniais, naturais e paisaxísticos da provincia na Feira Produart, á que achegou tamén máis de 3.000€ para a súa organización.
“Esta festa é unha auténtica reivindicación do noso. Do noso mellor produto, pero tamén dos nosos mellores valores, porque da man de Produart esta cita converteu a Burela nun referente tamén do consumo responsable, nun lugar no que se valora a proximidade e as cousas feitas con mimo e a man”, sinalou o Deputado.
Cajoto destacou así mesmo que o bonito “é un elemento clave no desenvolvemento social e económico de Burela, pero tamén o é na oferta turística deste concello, e do conxunto da Mariña e da provincia” e nese sentido apuntou que o produto actúa como “un embaixador único” da riqueza do territorio.
Felicitou ademais o Deputado ao Concello de Burela e á organización da Feira do Bonito e Produart, a asociación Ledicia e Expomar, “por sacar adiante estas feiras con tanto éxito” e cun balance tan positivo “en termos de participación e tamén de retorno económico para o concello e para a comarca. Está claro que cando unimos forzas o resultado é sempre o mellor posible”.