O Vicedo, 18 de agosto, 2023. Nordés, a asociación polo desenvolvemento das Terras da Faladora, fiel ao seu compromiso coa recuperación da Memoria Histórica, organiza unha nova edición das Xornadas “Memoria dun Tempo” que incorpora algunhas novidades.
A primeira delas é que se incorpora Loiba, parroquia do concello de Ortigueira, como sede das Xornadas acompañando a O Vicedo e ao Barqueiro, onde se teñen celebrado a dúcia de edicións anteriores, sendo o local do Centro Social desa localidade o espazo escollido para acoller os actos que se celebrarán mércores 23 e venres 25 do corrente mes.
Para o primeiro destes días, é dicir, mércores 23 e ás 19:30 hras, contaremos coa presenza de Jesús Manuel García Díaz, Historiador e Director da UNED de Ourense, quen nos achegará no seu relatorio o que foi o proceso de “depuración” que o franquismo levou a cabo cos mestres e mestras da provincia da Coruña en xeral e do concello de Ortigueira en particular. O acto será introducido pola escritora, e que foi mestra en Ortigueira, Obdulia Dopico, sendo o título da conferencia “A depuración dos mestres coruñeses polo franquismo. O caso de Ortigueira”.
O venres 25 temos a seguinte das novidades, pois si ben xa noutras edicións se fixeron actos lembrando a persoas das nosas bisbarras, caso de Luciano Pérez ou Jesús Castaño, alcaldes respectivamente dos concellos de O Vicedo e Mañón nalgún periodo da II República e represaliados por esta causa, nesta ocasión a figura a lembrar non o será por ter ocupado un cargo público, senón por ser unha persoa que, despois de ter fuxido da represión, foi capaz de manter unha traxectoria vital que quedou marcada na memoria do pobo de Loiba. Este home foi, como dí o título do acto na súa lembranza, “Vicente Castelo: libertario, xornalista, educador popular, veciño….”, e participarán no mesmo o historiador Eliseo Fernández, o xornalista Tucho Calvo, o mestre e dinamizador cultural Bernardo Penabade, así como cantos familiares, veciños e veciñas quixeran intervir.
O sábado 26 as Xornadas trasladaranse ao concello de Mañón, concretamente a O Barqueiro, cunha serie de actos que ocuparan a meirande parte dese día.
Comezaremos ás 13:00 hras coa xa tradicional, pois imos pola XI edición, “Homenaxe a Republican@s Libertari@s” a carón do monolito na Ponte Vella de O Barqueiro coas intervencións coma convidados de Claudio Rodríguez Fer, Xurxo Souto, a aportación musical de Andrés Fernández, e por suposto o habitual “micro aberto” para a libre expresión da xente que queira dar a súa testemuña, ler un poema, etc.
Para as 14:30 está previsto un xantar de confraternización no “Chiringuito de Esteiro” cun menú pechado a 15 € por persoa e sendo preciso reservar contactando co 653 75 64 54.
Rematarán as XIII Xornadas “Memoria dun Tempo” cun recital do cantautor ourensán Andrés Fernández Rodríguez no Bar “Queiro” dende as 22:30 hras.