A Mariña, 8 de agosto de 2023. Mariña Patrimonio, en colaboración co Concello de O Valadouro, organiza para o domingo 13 de agosto a proxección do documental “Segadores da Órrea en terras de Castela.Unha historia de heroes” promovido pola Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea (Riotorto) e dirixido pola xornalista Vanesa Gómez xunto coa deseñadora e fotógrafa Laura Alonso.
O documental recolle o testemuño de trinta e un veciños da parroquia da Órrea, que se desprazaban nos meses do verán a Castela para realizar os traballos da sega; unha migración de tempada que moitos miles de galegos protagonizaron ao longo de trescentos anos e que perdurou ata os anos 60 do pasado século XX.
Esta película documental posúe un gran valor antropolóxico, sociocultural e histórico, recoñecido nas diferentes proxeccións realizadas en Galicia e Asturias. Ten unha duración de 50 minutos e será precedida por unha breve explicación a cargo de membros da Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba.
A praza de Sta. María, de Ferreira do Valadouro, acollerá esta proxección que terá lugar ao aire libre a partir das 22:00 horas