O rexedor dixo: “dende o Concello de Ribadeo e dende o goberno municipal queremos facer unha balance moi positivo dos datos de xullo a nivel de turismo. Ribadeo acredita cifras excepcionais, un incremento de nove puntos con respecto ao ano pasado. Iso significa que se están facendo ben as cousas. Este verán foi un verán planificado na xestión do día a día e iso tamén se pode visualizar por parte de todos os visitantes e facendo un traballo continuo”.
Vega referiuse ao incremento das pernoctas con respecto a 2022: “a nivel de pernoctas do total das visitas tivemos o 31,34%. É unha cifra das máis altas de Galicia. Creo que Ribadeo é un referente turístico a nivel do conxunto do mapa galego e do territorio español”.
O alcalde comentou que “Imos seguir traballando na promoción turística do noso pobo. Sempre falando de conxunto, aproveitando todos os recursos. Estamos a falar dunha vila altamente turística, pero dun concello que tamén ten todos os recursos naturais que nos aporta o rural e tamén todo ese espazo mariñeiro como excelencia como é Rinlo, como é a nosa zona portuaria en Ribadeo”.
E engadiu: “todos os elementos falan dun conxunto que temos que seguir expoñendo a nivel nacional, pero fora tamén de España e utilizando todos os recursos. Dende a Concellería de Turismo, saben perfectamente das cifras, que incrementamos, que falan ben do traballo e de Ribadeo e nesa liña seguiremos a traballar”.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, subliñou que “Ribadeo convértese nun dos principais destinos turísticos do norte de Galicia. Un dos datos máis saíntes deste comezo de verán é o aumento das pernoctas en Ribadeo, acadando en total o 31,34% do total de visitantes que pasan polas nosas oficinas. Isto supón un incremento de case o 9 % respecto ao ano pasado”.
A edil ribadense aludiu ás visitas recibidas nas oficinas de turismo: “a oficina de turismo da vila abriu durante todos os días deste verán con horario de mañá e tarde contabilizando un total de 7.000 viaxeiros o pasado mes de xullo. O 25 de xullo foi o día de maior afluencia con 450 persoas. O punto de información turística das Catedrais rexistrou un total de 6.366 consultas sendo o día tamén de maior afluencia o 25 de xullo con 461 . Debemos resaltar que as entradas ao arenal esgotáronse a partir do 18 de xullo”.
Sobre a procedencia dos visitantes Marta Saiz contou que “no tocante ao turismo nacional segue sendo Madrid a principal procedencia, seguida de Andalucía, quizais buscando esas temperaturas máis suaves que temos por aquí. Con respecto ao turismo internacional, Francia, Italia, Alemaña e Portugal son as principais procedencias rexistradas en ambas oficinas”.
A concelleira de Turismo tivo palabras de agradecemento “para o traballo do persoal das oficinas de turismo así como para o sector privado polo esforzo que leva realizando dende comezos da temporada estival. Entre todos e todas, contribuímos a acadar un destino turístico de vangarda”.