A porteira brasileña continuará a súa longa carreira deportiva no Burela FS, unha das mellores porteiras do mundo e parte da Historia deste club
Un orgullo, unha honra e un enorme pracer para o club continuar contando coa nosa gran porteira por excelencia. Ademais de ser unha grandísima gardameta, Jozi tamén é psicóloga deportiva e axuda ao coordinador da base feminina, Jairo Campo, de forma moi involucrada nos equipos da base femininos das Escolas Deportivas Cabreiroá Burela FS, nos que seguirá aportando os seus amplos coñecementos como xogadora e como psicóloga deportiva. O Presidente do club, Manuel Blanco, moi orgulloso de continuar contando coa xogadora “A súa carreira no club foi impresionante con todos os títulos gañados desde que está ela, é unha referencia a nivel mundial na portería e un ano máis vai seguir axudando ao equipo para estar o máis arriba posible e tentar conseguir de novo máis títulos para o club. É unha gran profesional, leva toda a vida dedicándose a este deporte e é un orgullo seguir contando con ela un ano máis”.
A lendaria meta do Pescados Rubén bota unha mirada atrás tras tantos anos en Burela, algo co que nun principio non contaba, “non me imaxinaba isto cando vin a Burela, vin por unha experiencia que esperaba que fose durar uns poucos anos, 2-3 anos, pero aquí atopei o meu sitio, o meu club, a miña casa, unha familia,… todo. Un non se imaxina o que vai atopar e adaptarme da maneira que me adaptei, todos estes anos gozando da miña paixón dunha maneira intensa e bonita, é unha sorte. Se me preguntan nun primeiro momento, Jozi, pensas estar 15 anos nun club deportivo?, só xogando ao fútbol sala, non. Hoxe en día podes chegar a ter esa perspectiva, facer unha carreira nun club deportivo, xogando ao fútbol sala, pero hai 15 anos cando eu cheguei a Burela a cousa empezaba, como quen di, a organizarse e non me imaxinaba que fose ocorrer. Mesmo hoxe é difícil, en xeral ningunha xogadora se imaxina estar 15 anos nun mesmo club”. Fai unha valoración moi positiva de todos estes anos “eu creo que vivo o meu soño, non hai forma de valorar iso que non sexa positiva, como deportista realicei moitos soños xogando en Burela, conquistar títulos, medrarr como xogadora e como persoa. A nivel persoal estou moi ben, nun sitio bonito para vivir, para min é todo. Se estivese incómoda iríame, pero estou moi a gusto, tanto no deportivo como no persoal”. Sobre o feito de vivir lonxe da familia “si que é duro, pero ao final temos que elexir, tomar decisións na nosa vida e a min cóstame estar lonxe da miña familia pero á vez é o prezo que teño que pagar para poder vivir como vivo”.
Sobre os seus plans de futuro “o futuro é unha incógnita, a día de hoxe eu renovo a miña carreira de ano en ano, o que agora mesmo visualizo é poder xogar este ano, xogar ben e acabar ben a tempada, tanto física como psicolóxicamente, e logo tomar a decisión de se me atopo ben para seguir xogando un ano máis ou colgar as luvas en Burela. A día de hoxe non me vexo cambiando de club, polo menos para unha ou dúas tempadas, non o vexo, pero se cadra xórdeme unha oportunidade tola, das que nunca tiven e apetéceme facer un cambio e fágoo, pero non é o que está nos meus plans. Gustaríame facer unha transición tranquila, se que é verdade que ao longo destes anos tiven ofertas moi rechamantes economicamente pero preferín ter unha estabilidade e poder facer ese cambio dunha maneira tranquila, en Burela teño todo e podería retirarme e dedicarme a outras coñecendo o ambiente no que estou”.
Sobre o seu traballo na Escola Deportiva Cabreiroá Burela, na que realiza labores como psicóloga deportiva e é axudante do adestrador do equipo filial e coordinador da base feminina, Jairo Campo, “Estou moi contenta con isto, o ano pasado foi un ano de experiencias acompañando a Jairo coas cadetes e as xuvenís e foi realmente espectacular, unha experiencia moi moi bonita que me deixou as ganas de seguir. Traballar con Jairo foi unha experiencia fantástica e este ano dispostxs a seguir con estas boas sensacións, crecendo no traballo de psicoloxía e achegando ás xogadoras un pouco do que sei. Estou súper contenta, non máis que seguir xogando xa que tratar de manter os títulos este ano é un reto moi difícil para o primeiro equipo, pero isto é algo que me desafía e me motiva, estou súper contenta de poder facelo”.
Os seus obxectivos para esta tempada “O meu obxectivo persoal é estar ao 100% durante a tempada para poder ser non ter lesións nin nada, seguir coidándome físicamente e seguir aportando e rendendo co primeiro equipo. Xa coñecemos a dinámica do Burela, é un club para gañar, para estar en finais e diso se trata o traballo de cada ano. O adestrador organizará o grupo para que poidamos render ao máximo e estaremos aí pelexando polos títulos. Creo que cada vez que se pecha un ciclo e empeza outro, con novas xogadoras, hai que tratar de facer esa pasta canto antes, que teñamos unha piña, que podamos traballar, entender os conceptos de xogo e a metodoloxía do adestrador e saír á pista e render, competir e estar na final. Manter todos os títulos, algo que é moi difícil pero á vez é bonito ter ese obxectivo, oxalá todos os equipos puidesen ter eses obxectivos, de estar arriba e pelexar por todos os títulos, é un privilexio.”
Envía unha mensaxe á Familia Laranxa “Botámolos de menos, o mes de vacacións faise longo no sentido de non ter esa calor, esa enerxía e eses berros en Vista Alegre, de vivir eses momentos coa afección laranxa e que estean preparados que nós xa empezamos a poñernos a punto para a tempada. Esperámolos coma sempre, que se preparen tamén, que fagan eles tamén a pretempada, que afinen as voces porque a tempada vai ser boa”.