Cervo, 9 de agosto, 2023. Foi inaugurada a exposición “Muller e Poder en Roma”, obra de Alfredo Erias, que se poderá visitar ata o 8 de setembro na sala das Antigas Carboeira, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.
Na inaguración, por parte da Administración local, participou a rexedora, Dolores Caramés, a tenente alcalde, Mali Méndez, e o edil de Innovación e Emprendemento, Adrián Arias.
A mostra está composta por 15 cadros do artista nado en Presedo (Abegondo), un historiador, pintor, debuxante e gravador galego que foi director do Museo das Mariñas de Betanzos entre 1984 e 2022.
Céntrase nas mulleres poderosas por excelencia do Imperio Romano: as emperatrices. E, a través da mirada de Erias e dos seus pinceis, lembrando a cor que en orixe tiñan as estatuas clásicas, estas mulleres aparecen ante nós cos ollos cheos de vida e as súas vestimentas coloridas. Son mulleres moi diversas: nalgúns casos, eran en realidade máis poderosas que o emperador, pero, noutros, sucumbiron ao ambiente tóxico do palacio. E, xunto a elas, tamén vemos, incriblemente, mulleres galaico-romanas dos arredores de Lucus Augusti que as imitaban.
Tal e como precisou Caramés, “é todo un luxo poder desfrutar da arte clásica aquí no noso concello, nesta sala que creo que é un perfecto escenario para elo”. A rexedora agradeulle ao artista “que comparta con nós o seu talento e sensibilidade coa historia”.
Desde o Concello de Cervo -engadiu- “abrimos as portas unha vez máis á arte, esperando que sexan moitas as persoas que se acheguen durante este mes, a esta sala das Carboeiras, a este Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos”.
Poderase visitar de martes a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas, e os sábado e domingos de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.