Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia destina 7,5 M€ a compensar os maiores custos de produción das empresas de transformación e venda de produtos do mar pola guerra en Ucraína

A contía máxima das achegas será de 300.000 euros por beneficiario e poderá cubrir o 100% do gasto subvencionable no caso das pemes e o 80% nas de maior tamaño

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2022. A Consellería do Mar destina este ano 7,5 millóns de euros a achegas para as empresas de comercialización ao por maior e de transformación dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura para compensar o impacto dos incrementos de prezos pola guerra en Ucraína de distintas materias primas que son fundamentais para o desenvolvemento da súa actividade. Así o recolle a orde pola que se aproban as bases reguladoras destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Deste xeito, a Xunta está a poñer disposición do complexo mar-industria galego arredor de 15 millóns de euros para paliar os efectos do conflito bélico ao sumarse a estes 7,5 millóns os máis de 7,2 millóns destinados á frota pesqueira e ao sector dos cultivos mariños, recollidos en sendas convocatorias publicadas nas últimas semanas no DOG.
Os apoios para as empresas de comercio ao por maior e de transformación de produtos do mar permitirá compensar o gasto adicional no que incorreron entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2022 polo encarecemento da enerxía -tanto da electricidade como do gas-, dos envases e embalaxes -de madeira, cartón, plástico, vidro e metal (latas)- e de produtos necesarios para a produción como a fariña, o pan relado, os aceites de xirasol e oliva, o cloro que empregan as depuradoras ou os gases refrixerantes e osíxeno.

A contía máxima da axuda poderá ser de ata o 100% do gasto subvencionable para as pequenas e medianas empresas (pemes) e de ata o 80% nas de maior tamaño. O importe total da achega non excederá os 300.000 euros por beneficiario, con independencia do número de establecementos dos que dispoña. Tamén se verificará que non supere esta contía sumadas posibles subvencións percibidas noutras comunidades autónomas.

Os custos subvencionables deben estar relacionados ao 100% coa actividade propia da empresa no ámbito da transformación ou comercialización dos produtos do mar e atenderase ao consumo medio efectivo realizado en exercicios anteriores. O prazo de solicitude das achegas é dun mes a contar desde mañá e deberán presentarse por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Acuicultura, frota e industria
A Xunta mobiliza así un total de arredor de 15 millóns de euros en tres ordes para paliar o impacto da guerra en Ucraína na cadea mar-industria. A primeira, publicada o pasado día 8, está destinada á acuicultura, con 3,6 millóns de euros de orzamento, contía case idéntica á destinada para compensar o encarecemento dos carburantes para a frota, que saíu publicada no DOG o 14 de agosto.

A invasión de Ucraína por parte de Rusia o 24 de febreiro de 2022 xerou graves consecuencias no conxunto da economía da Unión Europea e os seus estados membros. Entre os damnificados encontrábanse os operadores do sector da pesca e acuicultura de toda a UE, orixinando incrementos importantes dos custos e alteracións do comercio. Ante esta situación modificouse o regulamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para permitir a adopción de medidas que mitigasen este impacto, como fai agora a Xunta.

Exit mobile version