Site icon Crónica3.com A Mariña

Estrea en Burela, nun partido de volta contra un moi competitivo Marín

O Pescados Rubén Burela FS e o Ence Marín enfrontáronse onte ás 20.00h en Vista Alegre cun resultado final 2-1

Burela, 31 de agosto, 2023. Continúan os partidos de pretempada e por fin puidemos desfrutar do primeiro celebrado no Pabellon Municipal Vista Alegre de Burela, onte ás 20.00h contra o Ence Marín. Despois do partido de ida, que tivo lugar o mércores 23 no Pavillón Deportivo A Raña cun resultado final de 1-2, o de volta concluíu 2-1 tamén a favor das Guerreiras Laranxas, nun encontro moi disputado no que as novas incorporacións á plantilla, tales como Rafinha, Irene ou Noelia Montoro puideron probar a que será a súa pista e a súa casa durante esta próxima tempada 2023/2024, así como outras xogadoras que xa estiveron durante o ano pasado ou noutras tempadas (como é o caso de Cami) volveron a pisar este pavillón que tantas alegrías trouxo ao conxunto burelense. O encontro foi o cuarto xogado durante esta pretempada, aínda que o primeiro en Burela, e o equipo puido probarse, situarse e prepararse antes do primeiro partido da xornada que se celebrará o sábado 16 de setembro, tamén en Vista Alegre, nunha estrea da Liga de Primeira División Iberdrola Feminina que empeza ao grande con xa un clásico derbi Pescados Rubén Burela FS – Poio Pescamar.

No encontro de onte o equipo mostrouse ambicioso aínda que se nota a recente posta en marcha do grupo, como é normal, con moita forza en defensa pero un ataque aínda pouco adestrado. Un encontro moi disputado no que o Marín tamén demostrou que vén con moita forza para esta próxima tempada na que se ve que será un gran rival.

Sae o Pescados Rubén cun 5 inicial formado pola vetereana Jozi Oliveira en, portería xunto a Jenny, Patricia, Noelia Montoro e Emilly. Por parte do Ence Marín saen Patri Arruti en portería con Débora, Carolina Bravo, María e C. Pedreira. Comeza presionando o Burela con varias oportunidades entre elas una da xogadora xuvenil Irene tras un pase de Dany no minuto 3 que desvía a porteira. Segundos despois a mesma capitá do equipo, Dany, lanza outro disparo directo a portería que detén Patri Arruti con outro dos moitos paradóns que conseguiu durante o partido. Tras dúas oportunidades de Cami nos minutos 5 e 6, o primeiro fóra e o segundo que tampouco entra tras outro paradón da porteira do equipo pontevedrés, entre outras oportunidades por parte de ambos os equipos, chega o gol do Marín no minuto 14, por parte de Lucía Serrano tras unha boa acción por banda e pase ao segundo pau. No minuto 17 Rafinha, que se estrea en Vista Alegre cun grandísimo partido, lanza un bo tiro que se vai por encima do traveseiro, pero no 19 consegue metela pola escuadra cun potente disparo dende fóra da área. Chega o descanso co marcador 1-1.

Na segunda parte o Burela sae co mesmo quinteto a diferenza da portería á que entra Caridade. Ambos os equipos presionan durante os primeiros minutos e non é ata o 27 no que Antía Pérez adianta o marcador a favor do Pescados Rubén con golazo tras unha acción individual. O Marín continúa presionando pero o equipo burelense defende con firmeza e continúa ata o final do encontro aguantando o ataque do equipo rival con porteira-xogadora desde o minuto 33. Remata o encontro cun resultado final 2-1.

Despois de 4 partidos disputados ata o momento en pretempada, o Burela FS viaxa esta fin de semana a Fafe (Portugal) para xogar a Copa Ibérica, o sábado contra o Sport Lisboa Benfica ás 16.00h e o domingo ás 18.30h contra o GCR Nun’*Álvares e na que tamén participa o Futsi.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – Ence Marín

Pescados Rubén Burela FS: Jozi Oliveira (P), Jenny, Patricia, Noelia Montoro, Emilly – cinco inicial -, Dany, Cilene, Cami, Antía Pérez, Irene Samper, Rafinha, Irene, Caridad (P).

Ence Marín: Patri Arruti (P), María, Débora, Carolina Bravo, C. Pedreira – cinco inicial -, Café, Adri, María Domínguez, Inés, Lucía Serrano, Antía Mariño, Ana Pinto (P) e M. Groba (P)

Goles: Min. 16 Lucía Serrano 0-1; min.19 Rafinha 1-1; min. 27 Antía Pérez 2-1.

Exit mobile version