Castro de Rei, 18 Agosto de 2023. Os servizos de extinción comunicaron unha vez finalizada a súa intervención que o incendio afectou a dúas naves anexas: unha delas contiña labras e ardeu por completo; na outra, teitada e sen paredes, consumíronse os troncos almacenados no seu interior.
Convén sinalar que o 112 Galicia recibiu o aviso sobre este incendio, que se produciu no lugar de Casás (en Goberno) ás 15:20 horas do venres, a través das chamadas de diversos particulares. Ademais, o lume propagouse polo monte lindeiro ás instalacións.
Rapidamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias púxose en coñecemento dos feitos a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vilalba e de Barreiros, ao GES da Pontenova e aos axentes da Garda Civil. Participaron tamén medios do distrito forestal da zona, os técnicos da empresa xestora do tendido eléctrico e as autoridades medioambientais da Xunta de Galicia, así coma o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da AXEGA, que desprazou unha cisterna ao punto para auxiliar nas tarefas de extinción.
Durante a noite, os servizos de emerxencias empregaron unha pá facilitada polo Concello para remover e retirar parte dos materiais almacenados nas naves e proceder coa súa refrixeración.