Burela, 7 de agosto de 2023. Dende CIG SAÚDE denuncian que o Hospital da Mariña, un hospital Xeral básico, tan só ten unha dotación de dúas facultativas especialistas en dixestivo para dar cobertura sanitaria a unha poboación de 72.000 habitantes. A data 01 de febreiro do 2023 ausentouse unha das médicas a cal non foi cuberta polo que dende esa data, unha soa dixestóloga se atopa ao fronte do servizo.
A Xerencia de Lugo coa complicidade da dirección do hospital mariñao mantén a segunda praza do hospital da Mariña sen cubrir, incrementando a lista de espera de pacientes, promovendo derivacións de pacientes a centros privados de Lugo para realización de probas endoscópicas e favorecendo así o desmantelamento do servizo. Ao tempo, contratan dixestólogos para reforzar a dotación do Hula, sendo un total de 17 dixestólogos para dar cobertura a unha poboación de pouco mais de 200,000 persoas, sinalan dende a central nacionalista.
Agora, a única dixestóloga coa que conta o centro hospitalario marcha dúas semanas de vacacións e tanto a dirección do centro como os dirixentes de Lugo da área sanitaria provincial non fan os esforzos necesarios para cubrir dita ausencia con cando menos, outra especialista en aparello dixestivo. Parchean a situación desviando un facultativo con experiencia en endoscopia 3 días á semana para asumir ditas probas. A si mesmo desarman a citación das consultas. Os pacientes que estaban citados para a consulta de dixestivo dos mércores 9 e 16 de agosto, xa foron chamados para anularlles a cita pasando a engrosar o caixón de espera de citación, denuncian dende CIG-Saúde Mariña..
Por outra banda, os pacientes citados os mércores para tratamentos biolóxicos terán un seguimento telemático dende o servizo de Lugo, o que dende CIG-Saúde consideran unha “temeridade”, xa que ante unha posible reacción adversa ao tratamento, precísase da intervención áxil da facultativa, polo que é importante que se atope preto e en alerta.
Para a CIG-Saúde da Mariña isto supón un novo ataque contra a sanidade da Comarca convertendo aos mariñaos e mariñás en cidadás de segunda, e voltamos preguntar se estes son os máis e mellores servizos que o Partido Popular anunciou para o Hospital da Mariña e onde están os médicos que ían vir dende Lugo ao tempo que, esixen a cobertura de tódalas ausencias e en tódalas categorías para garantir unha atención sanitaria de calidade e de proximidade.
Para a CIG . “A implantación da Área única provincial, sumado á reforma da Lei de Saúde que suprimiu a Área Sanitaria da Mariña, supón, como vimos denunciando dende hai anos, a perda de recursos económicos, materiais e humanos para a Sanidade da nosa Comarca”, conclúen.