A subdelegada e a alcaldesa copresidiron a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración da cita o vindeiro 12 de agosto
Durante a reunión, Isabel Rodríguez incidiu na importancia da coordinación entre a Garda Civil, a Policía Local, os servizos de emerxencias e a seguridade privada para conseguir a maior eficacia na prevención e persecución dos delito, e tamén lembrou o papel fundamental da colaboración cidadá “para que todos e todas poidan desfrutar da tradicional Festa da Maruxaina”. Así mesmo, porase atención especial no sábado, cando se espera unha maior afluencia de público procedente de diferentes partes da provincia e da Comunidade.
A subdelegada convidou “a gozar destes días de alegría festiva de forma intensa, pero tamén de maneira responsable e guiados polo respecto á convivencia”.
Por outra banda, no transcurso da xuntanza repasáronse os principais indicadores en materia de seguridade cidadá, constatándose que o municipio continúa cuns niveis de faltas e delitos moi por debaixo da media provincial autonómica e nacional. A Xunta Local de Seguridade contou coa presenza dos responsables da Compañía de Burela da Garda Civil, da Policía Autonómica, Policía Local, Tráfico, Emerxencias e concelleiros municipais.