Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata este domingo continúa Produart en Burela

Burela, 6 de agosto, 2023. O conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, xunto coa presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, inauguraron este venres pola tarde a 21ª edición da feira Produart, a Feira dos Produtos do Mar, Artesanais e Ecolóxicos que organiza anualmente a Fundación Expomar e que, como cada ano, se celebra na primeira fin de semana de agosto coincidindo coa Feira do Bonito.

De venres a domingo, a nave de redes do porto de Burela acolle a máis de 40 expositores de diversa orixe, desde produtos pesqueiros ata artesanía tradicional, alimentación (tanto perecedeira como elaborados e conservas), produtos naturais e ecolóxicos.

Dentro do programa de actividades este ano cobran maior relevancia as degustacións de produtos do mar, como o showcooking “Peixe de Burela” patrocinado pola OPP-7 Porto de Burela, que realizou o chef Bruno Pena, da Asociación Cociñeiros Lugo, tra-lo acto de inauguración, cociñando en directo estas dúas receitas: ceviche de Bonito de Burela e crocante de arroz con zorza de Bonito de Burela, guacamole e tomate osmotizado.

Tampouco faltarán actuacións musicais, como a do grupo de cantareiras e pandereteiras da Sociedade Cultural Ledicia, ‘As Grileiras’. O programa desta edición inclúe tamén demostracións de encaixe de bolillos e actividades infantís, que se suman á multitude de actividades de ocio que cada ano rodean a esta cita, como a XXXVII Feira do Bonito, as visitas ao Barco Museo Boniteiro ‘Reina del Carmen’, o Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que este ano celebra a súa edición definitiva completando os tramos do muro rompeolas do Porto de Burela; ou o I Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego, que ten lugar xunto á nave de redes na que se celebra Produart.

A presente edición de Produart pecharase o domingo a última hora da tarde, tra-la clausura da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, xunto con Francisco Cajoto en representación da Deputación de Lugo.

Exit mobile version