Site icon Crónica3.com A Mariña

As bandeiras do Concello ondean a media asta en sinal de loito polo pasamento de José Calavera Ruiz, fillo adoptivo de Ribadeo

Ribadeo, 25 de agosto de 2023. As bandeiras do Concello ondean a media asta en sinal de loito polo pasamento de José Calavera Ruiz, fillo adoptivo de Ribadeo, que falecía nas últimas horas en Madrid.

O alcalde, Dani Vega, dixo que “as bandeiras do Concello están a media asta. Estamos tristes, consternados pola morte de José Calavera. Desde logo aos bos e xenerosos hai que recordalos e tamén mostrar un sinal de respecto, por iso están as bandeiras a media asta e o recordo sempre no corazón dunha persoa que fixo moito por Ribadeo, que entregou moito a Ribadeo e por iso nosoutros queremos recordalo, render unha homenaxe e mandarlle unha aperta moi forte á súa familia”.

O rexedor comentou que “no vindeiro pleno seguramente recordaremos a figura de José Calavera e que tamén preparemos unha homenaxe a este fillo adoptivo de Ribadeo. Recordámolo, sempre respectemos as figuras como José Calavera, esas persoas boas e xenerosas que fan tanto polo seu pobo, un pobo de adopción, pero sen lugar a dúbidas un pobo que o quere e que o respecta”.

José Calavera Ruiz era catedrático e enxeñeiro de Obras Públicas e Camiños, foi presidente de Intemac e no 2012 foi nomeado fillo adoptivo de Ribadeo polo seu altruísmo e empeño para que a Torre dos Moreno se mantivese en pe. José Calavera era unha persoa moi vinculada a Ribadeo, a onde acudía de vacacións e onde chegou a ser o pregoeiro das festas patronais. Publicou numerosos libros entre os que destacan os relativos ao cálculo de estruturas e ao formigón armado e pretensado e ao cálculo das súas armaduras. E en 2015 recibiu o Premio Nacional de Enxeñería Civil.

Exit mobile version