Iria Castro inaugurou este mediodía a mostra, que pode verse na Sala de Exposicíons do Pazo de San Marcos
Lugo, 29 de agosto de 2023. A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolle desde este martes a mostra “Re” coñecer, que incorpora obras das artistas lucenses Concetta Montenegro e Luisa Paz.
A exposición, que forma parte do proxecto “278,81 % de sabedoría” da Rede Museística Provincial, amosa as obras e recoñece a traxectoria das artistas, dúas irmás que pintan desde nenas e sempre compatibilizaron seu traballo coa formación en pintura.
A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que “a mostra se encadra na aposta pola museoloxía social da Rede Museística Provincial, que pon as persoas no centro da súa programación artística e cultural” e valorou “a colaboración das artistas co proxecto 278,81 % de sabedoría que reflexiona sobre a forma na que se concibe a vellez”.
278,81 % de sabedoría
O proxecto “278,81% de sabedoría” pretende poñer en valor a acumulación de vivencias, coñecementos e experiencias que teñen as persoas maiores de 64 anos a través da arte e da creación cultural.
Tomando como referencia o índice de envellecemento poboacional da provincia
– a porcentaxe de adultos maiores de 64 anos que residen na provincia por cada 100 menores de 16 anos –, o proxecto convida a deterse sobre este dato estatístico destacando a sabedoría que acumula o tecido social.
“Desde a Rede Museística poñemos a vellez no lugar que lle corresponde como tesouro de coñecementos acumulados, unha riqueza intanxible que merece ser valorada e compartida. Como bibliotecas vivas da nosa historia que teñen moito legado que deixarnos, a súa sabedoría a súa experiencia”, sinalou a xerente da Rede Museística Encarna Lago.
Nese marco, tras a inauguración da mostra, presentouse un novo capítulo da web serie documental “Historias soterradas. Ronsel de futuro”, dirixida por Rubén Pérez Pombo e Brian Rodríguez Cortiñas, co título “A mirada dos sentidos”.
Presentación mañá no Museo do Mar de San Cibrao
As actividades continuarán mañá -30 de agosto- no Museo do Mar de San Cibrao cunha xornada de convivencia interxeneracional na que participarán integrantes do club senior a rapazada que participou nas actividades de verán do museo cervense. Durante a xornada, estrearase outro capítulo da web serie documental, titulado “As mulleres do mar” que ten como protagonistas as mulleres que veñen colaborando e participando durante os últimos anos nas iniciativas do Museo do Mar.