Site icon Crónica3.com A Mariña

As Xornadas de Historia de Foz rematan este xoves cunha palestra sobre os motíns e as revoltas na Mariña do século XIX

Foz, 2 de agosto, 2023. As xornadas de historia de foz féchanse o xoves 4 as 20:30 cunha palestra sobre os motíns e as revoltas na Mariña do século XIX. Neste caso, a relatora é a doutora en Historia e profesora da Universidade de Compostela, Alba Díaz Geada. Díaz Geada, atesoura unha longa traxectoria como investigadora, con diversos traballos referidos, particularmente, ao período contemporáneo.

Alba Díaz Geada (1985) é Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (2008). Premio Nacional á Excelencia no Rendemento Académico Universitario. Realiza o Máster en Historia Contemporánea (2009) sendo Bolseira FPU no Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC e recibe o Premio Extraordinario de Doutoramento e Accésit no Premio Miguel Artola pola súa tese de doutoramento “Mudar en común. Cambios económicos, sociais e culturais no rural galego do franquismo e da transición, 1959-1982″(2013).

As súas liñas de investigación son: historia agraria e historia social, movementos sociais, cambio social e cultural, franquismo e transición á democracia. Entre as súas publicacións destacan: (2011): O campo en movemento. O papel do sindicalismo labrego no rural galego do tardofranquismo e da transición (1964-1986), Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Universidade de Santiago de Compostela.

As décadas finais do século XIX foron ricas en protestas e motíns na Mariña. Neste sentido, coincidindo co importante ciclo de motíns en toda Galiza arredor dos anos de 1891 e 1892, na Mariña rexístranse motíns en Barreiros, Burela, Cervo, Lourenzá, Trabada e Ribadeo. A este respecto, Díaz Geada propón “reflexionar respecto da noción de “motín”, para logo aproximarnos ao estudo dos motíns de 1891 e 1892 na Mariña, a partir do contexto histórico da Galiza da época”.

O ciclo de motíns mariñáns arrancou o 25 de xullo de 1991 en Trabada. Unhas semanas despois, concretamente o 14 de agosto de 1991 a revolta chegaba a Barreiros, onde foi precisa a intervención da Garda Civil para derrotar a protesta. Poren, a prensa da época da conta dun primeiro motín en Ribadeo en xuño dese ano e doutro en Lourenzá a comezos do mes de xullo, cunha manifestación o día tres.

A situación de conflitividade mantívose durante meses, recollendo a Gaceta de Galicia no seu número de 24 de agosto de 1991 que “atópase en Rivadeo, unha compañía de infantería con motivo de restablecer e orde aos amotinados do concello de Barreiros, pola cuestión o aluguer de consumos”

O 23 de agosto de 1892 érguese Cervo reacciona diante dunha anunciada suba do imposto de consumos. Neste contexto, casa do concello será tomada polos veciños, sinalando EL Regional que botaron abaixo a porta a porta do pazo municipal, “onde as mulleres se apoderaron de todos os papeis que viron a man, rompéndoos e tirándoos uns ao río e outros ao camiño”. Unha vez tomado Cervo e Burela pola Garda Civil e os carabineiros comezou unha dura represión, que afectou, fundamentalmente, as mulleres”.

A maioría destes movementos estiveron dirixidos por mulleres. Nesta liña, a relatora aposta por “afondar no coñecemento deses motíns e, máis particularmente, investigar sobre o suxeito da revolta, para contribuír á problematización da súa interpretación histórica”. Precisamente, o protagonismo feminino nos motíns é unha constante en todas as formación sociais precapitalistas, como xa estudou o historiador británico Edward Palmer Thompson.

Exit mobile version