Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares destaca o papel da Feira Produart de Burela como nexo entre a promoción do consumo de produtos do mar e o coidado dos recursos pesqueiros

Burela, 4 de agosto de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou o papel da Feira de Produtos Artesanais e Ecolóxicos de Burela (Produart) como nexo entre a promoción do consumo de produtos do mar e o coidado dos recursos pesqueiros. Nesta liña, destacou que contribúe a dinamizar o comercio e a hostalería local e pon de manifesto a estreita colaboración entre as entidades que fan posible este evento. Así o salientou na inauguración deste certame que organiza a Fundación Expomar xunto coa XXXVII Feira do Bonito, que tamén conta co traballo da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia e que foi declarada de Interese Turístico Nacional desde 2009.

Ambos eventos celébranse en Burela esta fin de semana no que tamén terá lugar o VII Certame Internacional de Pintura Mural Amarte. A feira Produart conta con máis de 40 expositores nos que estes días se promocionarán os produtos locais, artesanais, tradicionais e innovadores. Tamén haberá degustacións de produtos do mar, actuacións musicais e actividades infantís, entre outras actividades. Isto converte a Burela nun escenario idóneo para difundir a calidade dos peixes e mariscos e contribuír a achegar o mundo do mar ao conxunto da cidadanía favorecendo tamén a economía das zonas costeiras.

Exit mobile version