Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares anima en Celeiro á frota a acollerse ás axudas da Xunta para compensar o encarecemento do gasóleo

O conselleiro destaca que estes apoios pretenden mitigar as consecuencias nas contas das empresas das dificultades polo conflito bélico e complementar as medidas adoptadas polo Goberno central, que foron insuficientes para atallar o problema

Viveiro, 18 de agosto de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe o porto de Celeiro e mantivo un encontro cos representantes do sector pesqueiro da zona para analizar a situación da frota e as necesidades que afronta nestes momentos. Precisamente, o titular de Mar animou aos armadores de buques pesqueiros a solicitar as axudas convocadas esta mesma semana pola Xunta para compensar o encarecemento do gasóleo durante 2022 pola guerra en Ucraína e paliar o seu impacto nas contas das empresas.

O representante do Executivo galego lembrou que a comunidade pon a disposición do sector máis de 3,6 millóns de euros en achegas para mitigar as consecuencias nos resultados da frota da suba de prezos rexistrada polos combustibles no segundo semestre de 2022. Estes apoios, incidiu, pretenden dar resposta ás necesidades da frota e complementar as medidas adoptadas polo Goberno central, que se teñen demostrado “claramente insuficientes”.

Alfonso Villares, que estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, incidiu en que son potenciais beneficiarios destas achegas todos os segmentos de frota e que xa se habilitaron apoios semellantes para a acuicultura e se van habilitar para a industria de transformación de produtos do mar. Deste xeito póñense a disposición do complexo mar-industria arredor de 15 millóns de euros en axudas para paliar o impacto das dificultades económicas derivadas da guerra en Ucraína.

Melloras portuarias
O conselleiro tamén trasladou a vontade da Xunta de seguir traballando da man do sector para realizar melloras tanto nas instalacións portuarias como nos equipamentos dos distintos peiraos para facilitar o labor dos profesionais do mar. Neste sentido, lembrou que a Consellería do Mar realizou importantes investimentos nos últimos anos no porto de Celeiro como melloras na nave de redes de arrastre da localidade ou a adquisición dunha máquina industrial para o lavado de caixas por parte da confraría ao abeiro das axudas financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O titular de Mar incidiu en que este tipo de actuacións son fundamentais para impulsar os resultados dun sector que, no caso do porto de Celeiro, ten na captura da pescada unha das súas principais fontes de ingresos. De feito, destacou os bos resultados da lonxa local en 2022, exercicio no que facturou preto de 50 millóns de euros, o que supón a maior cifra desde o ano 2018 e unha suba de máis do 13% en relación con 2021.

Exit mobile version