Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e o Concello de Cospeito investirán máis de 70.000 euros en obras de reforma do centro de saúde

O conselleiro de Sanidade e o alcalde asinaron o convenio de colaboración que permitirá executar as obras de reforma e o financiamento entre ambas administracións

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2023. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa Alvariño, asinaron hoxe un convenio de colaboración para executar obras de reforma no centro de saúde. As obras contarán cun orzamento de máis 70.000 euros e consistirán no pintado da fachada e marquesiña de acceso e protección da entrada, na revisión e arranxos de canalóns e substitución de baixantes, e na preparación da pista de acceso lateral ao edificio e da plataforma de aparcamento para persoal do centro.

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para este ano, a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida- un 8%-. En particular, o concello de Cospeito recibiu no 2022 a cantidade de 22.506 euros para financiar o mantemento da instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta ten destinado, desde 2017, máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

O firme compromiso do Goberno galego pola atención primaria queda reflectido no feito de que desde 2009, a Xunta construíu ou reformou un total de 114 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir, as dúas obras que están próximas a finalizar, como o CIS de Lugo e o de Lalín, e as dúas que están en marcha, como o CIS de Vigo e o centro de saúde de Porriño. En total, a administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Lugo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Carballedo, Sarria, Monterroso e O Saviñao, e as reformas do de Palas de Rei, Outeiro, Pantón, Xermade, Portomarín e Friol.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta achega fondos para cofinanciar a obra. Así, durante esta lexislatura, o Executivo galego achegou 1,2 millóns de euros para 36 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal como este, asumindo os concellos a outra parte do gasto.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros, senón que tamén colabora financiando as actuacións cando hai que facer reformas.

Exit mobile version