Explica que a área sanitaria de Lugo foi premiada o ano pasado pola organización Desafío Climático no Coidado da Saúde por favorecer este tipo de actuacións
O delegado explicou que estas actuacións forman parte dun investimento de 1,5 millóns de euros para dotar de caldeiras de biomasa a 11 centros de saúde galegos e de sistemas de aerotermia a outros tres. O contrato foi licitado hai uns días e o prazo de presentación de ofertas rematará o próximo día 22.
Este contrato materialízase a través dun acordo entre o Sergas e o Inega, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que promove a través da Axenda Enerxética Galicia 2023 a integración de enerxías renovables en edificios públicos e facilita o seu cofinanciamento polo programa operativo FEDER Galicia 2017-2020, dentro da súa actuación de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica e outras tecnoloxías renovables na administración xeral da comunidade autónoma e no sector público autonómico.
Os centros de Lugo dotaranse de caldeiras de biomasa; contan cun orzamento de 59.600 euros para o de Navia de Suarna, 52.500 euros para o de Riotorto e 69.000 para o da Pastoriza.
Neste último instalarase un sistema de pellets de carga automática cunha potencia nominal de 64 kW e un depósito de inercia de 1000 litros, que almacenará enerxía para o circuíto de calefacción. A actual caldeira de gasóleo manterase como sistema auxiliar de apoio. Suporá unha redución do 94% do consumo de enerxía primaria non renovable e do 95% de emisións contaminantes de CO2. Nos outros dous centros a biomasa tamén sosterá o subministro de auga quente sanitaria.
Javier Arias destacou o esforzo que está a realizar o Goberno galego, e singularmente a Consellería de Sanidade, “para que as instalacións da Administración autonómica sexan modernas, eficientes e sostibles”. O Sergas aprobou en xuño a súa Estratexia de Economía Circular coa diminución do consumo de combustibles fósiles como unha das liñas de acción.
Ao respecto, o delegado lembrou que xa está construída a central de biomasa que atenderá as necesidades enerxéticas dos novos edificios proxectados pola Xunta no barrio da Residencia: o Centro Integral de Saúde, a residencia para persoas maiores, a aceleradora aeronáutica e a oficina de emprego e formación. A Consellería de Economía, Industria e Innovación investiu máis de 1,4 millóns de euros nesta obra.
Recoñecementos internacionais
Javier Arias subliñou que a sanidade galega “é unha referencia internacional na posta en marcha de accións para mitigar os impactos do cambio climático, utilizando a innovación e investindo nas súas instalacións para protexer ás persoas e ao planeta”.
Así, o pasado ano obtivo seis dos recoñecementos outorgados pola organización Desafío Climático no Coidado da Saúde -Health Care Climate Challenge-, de entre as 50 institucións de atención médica de máis de 15 países galardoadas. Un deles foi para a área sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos polo seu compromiso coa instalación de enerxías renovables.
Entre as medidas destacadas figura o proxecto piloto Low Carbon no Hospital Lucus Augusti, que marca as actuacións de descarbonización de toda a rede sanitaria pública galega. Precisamente, este centro hospitalario foi galardoado na iniciativa “Os +10 Hospitais polo Programa de saúde de Glasgow” polo seu plan de xestión do carbono.