Todas estas intervencións enmárcanse no novo contrato con Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de case 3 M€ en dous anos
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2023. A Xunta comezará esta semana novos traballos de limpeza nas marxes da estrada autonómica LU-124, no concello do Riotorto.
Ademais, nas vías autonómicas da provincia de Ourense iniciarase o acondicionamento de zonas verdes na OU-536, executando labores de axardinamento da glorieta desta estrada ao paso polo municipio do Pereiro de Aguiar.
Tamén proseguirán os traballos de roza e limpeza que se veñen desenvolvendo nestas últimas semanas na OU-801, nos municipios de Padrenda e de Ribadavia.
Na provincia de Pontevedra seguirase coas intervencións en execución nas marxes da autovía AG-51, no concello de Salvaterra de Miño; na AG-56, que une Moaña e Cangas; e nas vías de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu, e na do Morrazo (CG-4.1.), Moaña-Cangas.
Seguridade viaria
Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.
As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.
O Goberno galego, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.