Desde Acisa o xerente, Jesús Pérez, conta que “Sonia Fernández e a súa parella atópanse en Cuba desde o pasado 23 de agosto e retornarán a Ribadeo o día 30 deste mes. O premio cubre o vo Madrid-Habana-Madrid, así como as estancias en hoteis de 5 estrelas (aloxamento e almorzo) tanto en La Habana como en Varadero, visado a Cuba e seguro básico de viaxe, entre outros complementos extra”.
Pérez Prada lembra que “Acisa Ribadeo repartiu entre o 23 de xuño e o 9 de xullo entre os seus locais asociados 150.000 rifas para o sorteo desta viaxe a Cuba. Esta é a terceira vez que unha parella goza deste importante premio, que é un auténtico reclamo para a clientela do noso comercio e da nosa hostalería. Estamos encantados coa acollida que sempre ten esta cita”. A papeleta afortunada neste 2023 foille entregada a Sonia Fernández Amor no Mesón D’Cata.
A presidente de Acisa, Carmen Cruzado, agradece “as colaboracións e os patrocinios que nos permitiron organizar un ano máis esta viaxe a Cuba para dúas persoas. Agradecer de forma especial, en primeiro lugar ao Concello de Ribadeo, co que coorganizamos o VIII Ribadeo Indiano, tamén á Deputación de Lugo, que cofinanciou esta acción de dinamización comercial, e á Xunta de Galicia pola súa achega. E tamén quero dar as grazas aos nosos patrocinadores, de forma moi especial a Cervexas Alhambra, que colaborou co Ribadeo Indiano na súa liña de compromisos por apoiar todas aquelas experiencias únicas pensadas para desfrutar cos cinco sentidos; ao Banco Sabadell e a Caixa Rural, que afianzaron e aumentaron a súa colaboración con nos, e a Galipizza e A Cofradía de Rinlo, xa que sen a súa inestimable axuda non poderiamos poñer en marcha este sorteo”.