Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fundación Juana de Vega leva a Mondoñedo a exposición conmemorativa do 150 aniversario

A inauguración será este venres, 1 de setembro ás 12.30h, no Auditorio Pascual Veiga

Oleiros, 28 de agosto de 2023. Mondoñedo, terra natal do pai de Juana de Vega, é a próxima parada da exposición conmemorativa “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século” promovida pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do seu pasamento.

A inauguración será este venres, 1 de setembro ás 12.30h, no Auditorio Pascual Veiga. Está prevista a asistencia do alcalde, Manuel Otero Legide; de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega; e de Xosé Ramón Veiga, autor da última biografía sobre a mecenas e filántropa, que leva o mesmo título ca esta exposición. Este último será o encargado de presentar o vínculo de Juana de Vega con Mondoñedo a través da figura do seu pai, que tivo unha grande influencia na educación, formación e traxectoria vital e política da súa filla, tal e como queda reflectido nos 20 paneis da mostra.

A exposición poderá visitarse no espazo cultural mindoniense todo o mes de setembro ata o sábado, 30 en horario de luns a venres de 16.00 a 21.00h e os sábados, de 9.00 a 14.00h e de 16.00 a 21.00h.

Organizada pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do falecemento da mecenas e filántropa, promotora da entidade, a exposición conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade; así como coa colaboración do Concello de Mondoñedo e de mais dunha vintena de institucións, públicas e privadas, que conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou.

Exit mobile version